A Policía Nacional investiga unha presunta agresión homófoba no centro histórico de Pontevedra
A testemuña conclúe o seu relato lamentando que "en 2026 aínda hai persoas que cren que poden atacar alguén pola súa orientación sexual"
A Policía Nacional investiga unha presunta agresión de carácter homófobo denunciada pola vítima na Comisaría Provincial de Pontevedra, segundo confirmaron fontes oficiais do propio corpo policial.
De acordo co relato recollido na denuncia, os feitos producíronse ás 8:45 horas do pasado domingo ás portas dun establecemento de hostalería situado na rúa Dona Teresa, en pleno centro histórico.
Ademais do testemuño presentado ante a policía, unha testemuña difundiu en redes sociais un vídeo enque ofrece a súa versión do ocorrido. Na gravación explica que ela e o seu amigo atopábanse no lugar "tranquilamente, sen falar con ninguén nin molestando a ninguén", cando un grupo de mozos, de arredor de 20 anos, comezou a increpalos.
Segundo o seu relato, os presuntos agresores manifestáronlles que lles molestaba a súa presenza na zona e esixíronlles que abandonasen o lugar. "Dicían que lles molestaba que estivésemos alí e esixíannos que nos fósemos", afirma.
"Nese momento comezaron os insultos e a súa actitude volveuse cada vez máis agresiva e claramente homófoba", afirma a testemuña no vídeo difundido.
A mesma testemuña sostén que, ante o aumento da tensión, decidiu non responder ás provocacións e aconsellou ao seu amigo que marchase do lugar "porque temía que aquilo acabase mal", e empezou a gravar co móbil.
Sempre segundo a súa versión, o grupo de mozos comezou entón a ameazar con ir por el. "El xa estaba marchando cando varios deles saíron correndo detrás del. Eu gritáballes que, por favor, parasen, pero alcanzárono, golpeárono brutalmente, tirárono ao chan e rompéronlle o nariz", relata.
Tras a agresión, a vítima logrou incorporarse e, xunto ao seu acompañante, fuxiu do lugar correndo. A testemuña conclúe o seu relato lamentando que "en 2026 aínda hai persoas que cren que poden atacar alguén pola súa orientación sexual".
A Policía Nacional traballa agora a partir da denuncia presentada e doutros datos achegados por persoas que se atopaban na zona no momento dos feitos.
Entre as probas solicitadas figura polo menos unha gravación en vídeo que podería contribuír a identificar os presuntos autores e, no seu caso, proceder á súa detención.