O vento causa numerosos incidentes, sobre todo no leste de España
A chuvia deu unha tregua, pero o vento, as ondas e a neve motivaron avisos na maioría das comunidades
O vento ocasionou este sábado centos de incidencias en boa parte de España.
Na Comunidade Valenciana soou o Es-Alert. Na provincia de Castellón ditouse risco extremo. Tras rexistrarse refachos de máis de 170 quilómetros por hora, pechou o porto de Castellón, suspendéronse varios servizos ferroviarios e limitouse a velocidade nas estradas.
"Conducir así non é fácil. Tes que viaxar un pouquiño máis despacio", recoñecía un condutor.
"Que a cidadanía sexa consciente de que ten que tomar medidas de autoprotección, que evite calquera tipo de desprazamento", pedía o conselleiro de Emerxencias da Comunidade Valenciana.
No sur de Tarragona tamén se activou o Es-Alert polo vento. No conxunto de Cataluña, o 112 recibira ata as catro da tarde máis de 700 chamadas por incidencias e os bombeiros preto de 600.
En Aragón máis de 1.500 persoas quedaron sen luz por avarías na rede de media tensión. Os zaragozanos, afeitos ao cierzo, sorprendíanse con este vento.
"Estamos feitos ao cierzo, pero non a tanto. Este vento está moi forte", dicía un home.
"O vento do cierzo é distinto. Este tan pronto de dá de cara, como de lado ou polo lombo", engadía unha muller.
Ventea e hai moito mar. Practicamente todas as costas españolas estiveron en aviso. No Delta do Ebro, o mar anegou os arrozais e botou a perder a colleita.
Tamén se activaron avisos por neve en parte do norte penínsular. E todo sen superar de momento os efectos das chuvias dos días pasados.
De feito, este sábado aínda se acordaron novos desaloxos, concretamente en San Esteban de Gormaz, en Soria, pola enchente do Douro.
As presas seguen desauguando e ríos como o Texo continúan baixando en moitos puntos por fóra do seu leito.
"Impresiona", afirmaba un home en Toledo.
"Si, está moi alto, a verdade", ratificaba unha muller.
Este domingo, nove comunidades e Melilla seguirán en aviso por vento e mar e Galicia tamén por chuvia, no interior da provincia da Coruña.