Aviso vermello por calor extrema no interior de Pontevedra e laranxa nas Rías Baixas
Os avisos permanecerán activos dende este xoves e durante varios días
A Xunta activou o aviso vermello por calor extrema no interior da provincia de Pontevedra, mentres que será laranxa nas Rías Baixas e amarelo no suroeste da Coruña e na montaña de Ourense, segundo informou a Administración galega.
Estes avisos decretáronse tras os datos remitidos este mércores por MeteoGalicia e MeteoSaúde, no marco do Plan de Actuacións da Xunta fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde.
A previsión é que a situación de altas temperaturas se manteña en toda Galicia, polo que os avisos permanecerán activos polos posibles efectos adversos para a saúde durante varios días, advirte a Xunta.
No ámbito deportivo, determinouse a suspensión da actividade deportiva federada e do programa Xogade ao aire libre nas zonas afectadas polo aviso vermello, é dicir, no interior da provincia de Pontevedra, este xoves entre as 12:00 e as 20:00 horas.
Ademais, nas Rías Baixas, debido ao aviso laranxa, tamén se suspenderán as actividades entre as 12:00 e as 18:00 horas, agás os deportes náuticos e acuáticos federados.
A Xunta lembra que a exposición a temperaturas excesivas pode provocar problemas de saúde como mareos, cansazo, debilidade, fatiga, cambras musculares, síncope, deshidratación, insolación e golpe de calor.
Sinala, así mesmo, que o exceso de calor pode alterar funcións vitais se o corpo humano non é capaz de compensar as variacións de temperatura.
Os principais grupos de risco fronte aos efectos da calor son as persoas maiores de 65 anos e os menores de 4 anos (especialmente os menores dun ano); persoas con enfermidades cardiovasculares, diabetes mellitus, EPOC, insuficiencia renal, párkinson, alzhéimer e patoloxías psiquiátricas.
Tamén as persoas que toman determinados medicamentos (anticolinérxicos, diuréticos ou que fan un consumo importante de alcohol) e aquelas en situación de vulnerabilidade (maiores que viven sós, vivendas mal acondicionadas, persoas con exceso ou baixo peso, traballadores, deportistas ou quen pasa varias horas ao aire libre).
Beber máis líquidos sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos; evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou refrescos de cola e as moi azucradas; aumentar o consumo de ensaladas, verduras e froitas; evitar comidas copiosas (comer menos cantidade e máis veces ao día) e conservar os alimentos na neveira son algunhas das recomendacións.
Tamén se recomenda manter sempre as medidas hixiénicas, utilizar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiro, lentes de sol e cremas de protección solar, así como calzado fresco, cómodo e transpirable; permanecer en espazos ventilados ou climatizados e buscar a sombra.
A Xunta tamén aconsella baixar as persianas durante o día e abrir as fiestras pola noite para ventilar; evitar as actividades ao aire libre nas horas de máis calor e reducir a actividade física; e, ao estacionar o vehículo, non deixar no seu interior nenos nin persoas maiores coas ventás pechadas.
En caso de sufrir esgotamento ou un golpe de calor, recoméndase solicitar asistencia médica urxente chamando ao 061 e, se se teñen familiares ou veciños que vivan sós, convén facerlles un seguimento especial durante estes días.