Facer o Camiño de Santiago con calor: as principais recomendacións para evitar sustos
Os peregrinos deben seguir unha serie de recomendacións para non levar sustos durante o Camiño
Madrugar ou manter unha boa hidratación son algunhas delas
A vaga de calor das últimas semanas fíxose notar en moitas facetas da vida diaria das persoas, e isto sábeno especialmente os peregrinos que fixeron o Camiño de Santiago estes días.
Uns días emocionantes á par que intensos, pois atravesaron tramos nos que as termómetros alcanzaron os 37 graos. Con estas temperaturas é moi importante seguir unha serie de recomendacións para chegar ata o destino, a praza do Obradoiro, da mellor maneira posible e sen levar ningún susto polo camiño.
Algunhas destas recomendacións son madrugar para evitar as horas de máis calor, manter unha boa hidratación, levar alimentos lixeiros como frutos secos ou froitas e empregar cremas protectoras e gorras para protexer a pel das queimaduras solares.
A maioría dos peregrinos veñen ben preparados e saben completamente o que facer, apuntando incluso algunha recomendación máis.
"Mollar a cabeza e meterse no río cando se poida".
"Camiñar pola parte da terra, cando haxa, e evitar o asfalto, que acaba queimando os pés".
"Ao acabar cada etapa, ducharse en auga fría. Con esta calor é necesario".
"Cando haxa algún bar, parar a tomar unha cervexiña para refrescar a gorxa".
Sexa como sexa, o que verdadeiramente teñen claro é que, pase o que pase, merece completamente a pena.
"Merece a pena absolutamente. Ao final, Santiago vaiche axudando a dar cada paso. A calor, as forzas fállanche, as pernas doen... pero pensas na recompensa e todo vale", comenta unha peregrina emocionada tras chegar á praza do Obradoiro.