A edil de Lugo María Reigosa pide a baixa do PSOE, pero o alcalde di que segue no grupo municipal "con normalidade"
A edil de Lugo María Reigosa pide a baixa do PSOE, pero o alcalde di que segue no grupo municipal "con normalidade"
O voto de Reigosa é clave nun contexto no que os populares de Elena Candia foron a lista máis votada e alcanzaron os 12 concelleiros, quedando a un da maioría absoluta
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, xunto a María Reigosa, o día en que tomou posesión como concelleira (Europa Press-Arquivo)
A concelleira de Lugo María Reigosa pediu a baixa como militante do PSOE, un paso que dá tras a saída o pasado mes de decembro da dirección formal da área de Medio Ambiente no goberno municipal. O alcalde lugués, Miguel Fernández, sostivo que a concelleira segue no grupo municipal socialista "con normalidade".
A propia concelleira confirmou a Europa Press que pediu na tarde do luns a súa baixa como militante do Partido Socialista.
Despois diso, este martes o alcalde, o socialista Miguel Fernández, remitiu unhas declaracións aos medios de comunicación nas que sostén que a edil segue sendo concelleira do grupo municipal socialista e participando nas reunións e debates con "normalidade e para todos os efectos".
"Para tranquilidade de todos, seguimos traballando como ata o de agora, con normalidade e centrados nos temas importantes da cidade", insistiu o rexedor da cidade, na que PSOE e BNG gobernan en bipartito.
Nas declaracións, Miguel Fernández lembra que a concelleira se incorporou á corporación "nunha situación complicada", en referencia ao falecemento de Pablo Permuy.
Iso, lembrou, "pasado o ecuador do mandato, coas áreas perfectamente definidas e funcionando con normalidade" e "coa limitación da non autorización da dedicación parcial por parte da administración para a que traballa". Reigosa é funcionaria de Costas.
Ademais, o alcalde recoñeceu que "os axustes necesitan tempo" e sinalou que "no grupo municipal ten que imperar a coordinación, o debate interno e tamén a disciplina de voto".
"Ás veces, efectivamente, prodúcense debates e criterios diferentes que se estudan e acórdanse", indicou.
No Concello de Lugo os socialistas, que lograron oito concelleiros nas municipais de 2023, gobernan en coalición co BNG, que se fixo con cinco edís. Por iso, o voto de María Reigosa é clave nun contexto no que os populares de Elena Candia foron a lista máis votada e alcanzaron os 12 concelleiros, quedándose a unha acta da maioría absoluta.
Reigosa renunciara en decembro a formar parte do Goberno local, pero mesmo chegou a comparecer co alcalde para descartar calquera crise interna.