Méndez di que o 'lawfare' existe e lembra as imputacións no PSdeG que "quedaron en nada"
"En Galicia fomos a antesala do que está ocorrendo agora en Madrid: para o PP a fin sempre xustifica os medios", asegura a secretaria de organización do PSdeG e vicevoceira do Grupo Socialista no Parlamento galego
A secretaria de Organización do PSdeG e viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, Lara Méndez, afirmou que o lawfare existe e lembrou as imputacións no PSdeG que "quedaron en nada".
Nunha entrevista no programa Bos días de Televisión de Galicia, Méndez fixo referencia á imputación do expresidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, e insistiu en que "a presunción de inocencia ten que prevalecer e todo o respecto aos procedementos xudiciais". Tamén recoñeceu que o caso lles está a afectar "animicamente" aos socialistas galegos porque "o presidente Zapatero é un referente".
Méndez criticou a actitude do presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, que este martes na sesión de control ao Goberno no Congreso dos Deputados volveu pedir un adianto electoral. "Que o señor Feijóo estea pedindo un adianto electoral e que fale de corrupción cando sabemos como traballa porque o vivimos aquí en Galicia cando o noso secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, ía ser candidato á Xunta vivimos todo este proceso vía anónimos, en Galicia fomos a antesala do que está ocorrendo agora en Madrid", asegurou.
"Quen presentou eses anónimos foi a señora [Elena] Candia, que foi premiada primeiro coa vicepresidencia do Parlamento e agora, co beneplácito do señor Rueda, cunha moción de censura que se pactou nos tanatorios, en Galicia sabemos como funciona o Partido Popular: a fin sempre xustifica os medios, aquí e en Madrid", explicou Méndez, en relación a que a exvicepresidenta do Parlamento de Galicia e actual alcaldesa de Lugo, Elena Candia, entregara unha documentación anónima á Fiscalía en 2013 que orixinou a investigación xudicial que apartou temporalmente da política ao líder socialista galego José Ramón Gómez Besteiro.
"O lawfare por desgraza está na sociedade, o poder xudicial tiña que ser independente pero ás veces vemos que non é así. Vivímolo en Galicia, en concreto en Lugo, de todas as imputacións que tivemos, moitísimos cargos sobre todo do partido socialista, en especial, o señor Besteiro, Orozco, Valiño, Rodríguez, eu mesma, quedou todo en nada a única persoa que foi condenada foi a propia xuíza", lembrou.
Sobre o acontecido nas eleccións andaluzas, Méndez espera que sirva para facer "autocrítica" dentro do partido e ver "como se pode mellorar situación", pero restoulle importancia a se podería afectar a outras citas electorais. Lembrou como nas municipais de 2023 a súa candidatura incrementou o apoio da cidadanía en Lugo porque, afirmou, iso "depende do labor dos candidatos".
O caso Tomé: o partido ten instrumentos
En relación as denuncias de acoso sexual contra o exsocialista José Tomé, expresidente da Deputación de Lugo e actual alcalde de Monforte, Méndez salientou que "o partido socialista ten instrumentos para darlles cobertura as denuncias, cousa que animamos a facer sempre". "Claro que nos afecta porque non nos gusta, pero a presunción inocencia debe prevalecer e que o procedemento xudicial siga o seu curso", rematou.
No caso das denuncias de acoso laboral de dúas exconcelleiras socialistas contra a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o seu número dous, Xosé Manuel Lage Tuñas, Méndez asegurou que se actuou igualmente pero polo seu propio procedemento "que se está a dilucidar".
Atención primaria e vivenda
Xa no eido da acción política, en materia sanitaria, o Grupo Socialista no Parlamento de Galicia presentará unha moción con seis propostas para mellorar a Atención Primaria, comezando pola mellora das condicións laborais dos MIR para atraer máis profesionais ao sistema público. Entre as iniciativas rexistradas tamén figuran dúas proposicións non de lei para reclamar un informe detallado sobre a vivenda pública construída en Galicia desde 2009.
"Porque son as cousas que lle preocupan á cidadanía", remarcou. Lara Méndez lembrou que, segundo o Consello de Contas, Galicia é a segunda comunidade que menos inviste en Atención Primaria, só por riba de Madrid. "A situación sanitaria é crítica en Galicia: 350.000 persoas en lista de espera para consulta, 50.000 para unha operación, semanas ou meses para ir ao médico de cabeceira", detallou.
"A vivenda é un problema real da mocidade e de moita xente que ve que a súa condición de asalariado non lle permite acceder a unha vivenda". Méndez culpou da situación a "17 anos de políticas do Partido Popular de mirar cara a outro lado".