Dúas exconcelleiras socialistas da Coruña denuncian a alcaldesa e a Lage Tuñas pola canle interna do PSOE
Dúas exconcelleiras socialistas da Coruña denuncian a alcaldesa e a Lage Tuñas pola canle interna do PSOE
Inés Rey asegura que a canle interna do partido está sendo utilizada "para fins que nada teñen que ver" co acoso
Unha das denunciantes, a tamén ex secretaria local Eva Martínez, asegura ter testemuñas e probas de todo o que denuncia, entre o que está sufrir "insultos" e "escarnio público"
Martínez Acón denunciou hai cinco anos esta situación ante a Comisión de Ética do PSOE, así como ante o entón secretario de Organización, Santos Cerdán, sen que o partido tomase ningunha medida
A dirección do PSdeG descarta pronunciarse
Inés Rey e Lage Tuñas, nunha imaxe de arquivo
Dúas exconcelleiras socialistas na Coruña presentaron a través da canle interna de denuncias do Partido Socialista escritos nos que aseguran ter sido vítima de mobbing, berros, insultos e outros feitos despectivos.
Segundo algunhas fontes as denunciantes serían Eva Martínez Acón e Esther Fontán.
Diso culpan a alcaldesa Inés Rey e tamén o seu número dous, Xosé Manuel Lage Tuñas. Ambas as denunciantes formaron parte do grupo municipal socialista entre 2019 e 2023, e, ao parecer, remataron o mandato en medio de fortes tensións internas no grupo. de feito, Eva Martínez foi destituida en 2020.
Eva Martínez confirma a denuncia
Consultada por Europa Press, unha das denunciantes, a que foi tamén secretaria local do PSOE coruñés, Eva Martínez Acón, confirmou a denuncia, presentada a través da canle interna antiacoso do PSOE sobre uns feitos que relata que ocorreron no ano 2020.
Asegura ter testemuñas e probas de todo o que denuncia, entre o que está sufrir "insultos" e "escarnio público".
Acón é próxima ao que naquel momento era secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen este mesmo xoves acusou a Inés Rey, á que cualificou de "impulsora entusiasta de Formoso e Besteiro, de "ser parte do desastre histórico do PSdeG".
"Quen defende o feminismo non pode apoiar o despedimento dunha traballadora embarazada do PSdeG nin atacar ás concelleiras do PSOE na Coruña", sinalou Caballero nunha mensaxe publicada a través do seu perfil na rede social 'X'.
Reacción de Inés Rey
Logo de coñecer estas acusacións, a alcaldesa da Coruña emitiu un comunicado en que lamenta que se use esta canle interna do PSOE para fins ben diferentes do que ten encomendado, que é a protección das vítimas de acoso.
Considera que a situación é na realidade un "axuste de contas" porque as denunciantes non repetiron nas listas socialistas.
"Ata onde eu se, ese medio é unha canle anónima, e neste caso, polo que contan, as denunciantes teñen nome e apelidos. As dúas denunciantes ostentaron cargos no meu Goberno, polo que a ninguén se lle escapa que esta manobra é tamén un axuste de contas por non repetir nas listas", expuxo.
Inés Rey di que coas denunciantes "hai anos que non teño ningunha relación". Animounas a acudir a un xulgado, malia que, mantén, "saben perfectamente que non hai nada que denunciar, e que "en España a denuncia falsa é un delito".
"Ningunha denuncia falsa fará que deixe de estar á beira das vítimas e denunciando os casos de violencia machista e de acoso sexual, por moito que haxa persoas que por esa causa tenten agora actuar contra min a través dunha canle que precisamente ten como función a defensa das mulleres", engade.
"Se o que pretenden é que cale, non o van a conseguir. Ninguén me calará na miña defensa das vítimas de acoso", di a alcaldesa no final do seu comunicado.
O PSdeG descarta pronunciarse
A dirección do PSdeG, consultada por EFE, evitou pronunciarse e remitiuse aos traballos orgánicos da canle antiacoso do PSOE, que será quen actúe na investigación pertinente.
Polo momento, aseguran, ningún militante nin cargo socialista comunicouse coa dirección do partido en Galicia para trasladar ningunha denuncia respecto a a alcaldesa coruñesa.
Inés Rey destituira a Eva Martínez
En novembro de 2020 Inés Rey destituíu das súas competencias a Eva Martínez Acón, que era concelleira de Innovación, alegando "nula" dedicación ás tarefas do goberno local.
Con todo, a propia Acón remitiu ese día unha carta á militancia na que sostiña que a decisión se debía a que, como secretaria xeral da agrupación local, reclamara "as achegas que o Grupo Municipal Socialista e algúns concelleiros debían ao partido".
Así as cousas, outras fontes consultadas por Europa Press trasladaron o malestar que produciría na que foi secretaria local do PSOE local e edil de Innovación o feito de que Inés Rey encabezase un dos manifestos críticos coa xestión dos casos de acoso por parte da dirección do PSdeG.
Así mesmo, lembran que a propia Eva Martínez Acón denunciou hai cinco anos esta situación ante a Comisión de Ética do PSOE, así como ante o entón secretario de Organización a nivel estatal, Santos Cerdán, sen que o partido tomase ningunha medida.