As 5 concelleiras do PSdeG de Barbadás abandonan o alcalde, acusado de acoso, que se nega a dimitir
Anuncian que abandonan o grupo de goberno e seguirán no partido
O secretario provincial do PSdeG volve trasladarlle ao rexedor a súa petición de dimisión e que entregue as actas de concelleiro e de deputado provincial
O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel. EFE
O PSdeG de Ourense reuniuse coas 5 concelleiras e o concelleiro socialista de Barbadás para analizar a situación, logo da denuncia por acoso contra o rexedor e despois de que este renunciase como militante socialista. Maila petición do partido, Xosé Carlos Valcárcel, negouse a dimitir como alcalde e entregar a súa acta de concelleiro.
As 5 concelleiras seguirán formando parte do grupo municipal socialista, pero deixan o goberno municipal. No relativo ao outro concelleiro do PSdeG, este trasladoulle aos representantes da Executiva Provincial unha petición para estudar durante as próximas horas se continúa formando parte do grupo de goberno, e en consecuencia, abandona o partido, ou se opta por seguir os pasos das 5 concelleiras.
Os concelleiros socialistas explicareon que a situación actual vén derivada do "encubrimento" por parte de Valcárcel dun presunto acoso sexual doutro exconcejal socialista a unha militante. Estes feitos, segundo detallou o PSOE nun comunicado, sucederon en 2024 e o alcalde "non informou o partido, actuou con pouca dilixencia, demorando a dimisión deste edil e mesmo o afagou publicamente no pleno no que entregou a súa acta".
As concelleiras aseguran que a decisión “é firme” e vén motivada “pola gravidade da situación, que require unha actuación dilixente, coherente e rigorosa”. Subscriben o seu “rotundo apoio a vítima, que debemos protexer en todo momento, ademais de acompañar durante o proceso”.
O secretario provincial do PSdeG de Ourense, Álvaro Vila Araújo pon de manifesto que esta decisión “supón que o grupo municipal socialista seguirá traballando a prol da veciñanza de Barbadás” e agardan que o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, “sexa consecuente e recapacite, dimitindo como rexedor e entregando as súas actas de concelleiro e de deputado provincial”.
Vila insiste en que agora mesmo o proceso se desenvolve “coas máximas garantías para a denunciante e o denunciado”.