O Goberno reforma a lei de asilo e de estranxeiría tras a crise de Ceuta
O Executivo sostén que a iniciativa busca responder "mellor" á realidade do "fenómeno migratorio" e que se fai para adecuar a lexislación ao Pacto Europeo de Migración e Asilo
Traslado de migrantes desde a praia do Trampolín, Ceuta, a espazos de acollida (EFE/Reduan)
O Goberno deu luz verde este martes aos anteproxectos de lei de asilo e de reforma da lei de estranxeiría cun "enfoque garantista" de respecto aos dereitos humanos das persoas migrantes e co obxectivo de responder "mellor" á realidade do "fenómeno migratorio".
O Consello de Ministros aprobou en primeira volta ambos os anteproxectos para adecuar a lexislación española ao Pacto Europeo de Migración e Asilo que se aprobou en 2024, segundo informou este martes o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska.
As iniciativas, aprobadas tras a crise migratoria ocorrida en Ceuta coa entrada masiva de miles de persoas o 30 e 31 de xullo, buscan contar "cun sistema de protección mais áxil, eficaz, ordenado e garantista que responda mellor á realidade do fenómeno migratorio sen reducir as garantías de persoas solicitantes e beneficiarias".
Aínda que o ministro do Inteiror non quixo ratificar que esta reforma supoña un endurecemento da política migratoria, a adaptación da lexislación española ao pacto europeo si debería implicar ese endurecemento, polo que supón de blindaxe das fronteiras e a axilización de preocementos como as expulsións.
Marlaska avanzou que, entre os cambios desta nova lei de asilo, "actualízanse e precísanse" a definicións de protección internacional, estatuto do refuxiado e protección subsidiaria, e incorpóranse de forma expresa realidades como a persecución relacionada co xénero, a identidade ou expresión de xénero e a discapacidade.
Novo procedemento de solicitude de asilo en fronteira
Respecto á tramitación dos expedientes de solicitude de protección internacional, o titular de Interior detallou que a futura lei distingue entre o procedemento ordinario de exame e un procedemento de exame acelerado, que ha de estar resolto en tres meses.
Ademais, fíxase un novo procedemento de fronteira, previsto no regulamento da UE e de aplicación obrigatoria en determinados supostos, cun prazo máximo de resolución de 12 semanas, durante os cales o solicitante de protección internacional deberá permanecer ao dispor das autoridades españolas.
Esta medida, engadiu, é unha cautela que se aplica antes de que se autorice a entrada formal no país e facilita o seu retorno en caso de denegación da petición de protección internacional.
A figura do triaxe na lei de estranxeiría
A reforma da lei de estranxeiría modifica materias que afectan a dereitos fundamentais e incorpora a figura da triaxe, é dicir, o proceso de recollida de información das persoas migrantes que entran en España sen ser sometidos os controis fronteirizos.
Un control que inclúe, segundo explicou o ministro, un recoñecemento médico, un exame de vulnerabilidade, a identificación, a toma de datos biométricos, unha inspección de seguridade e a derivación ao procedemento adecuado en cada un dos supostos.
Aínda que o regulamento europeo fixa un prazo de ata sete días para o triaxe -un procedemento obrigatorio para os Estados membro-, en España seguirá o prazo de 72 horas, prorrogables só por decisión xudicial, para limitar o mínimo imprescindible o tempo que o estranxeiro deba permanecer nas instalacións policiais habilitadas para iso.
Marlaska garantiu que a reforma incorpora os preceptos do pacto europeo que impiden a entrada de persoas que chegan de xeito irregular e que non teñen dereito a protección internacional, cun procedemento que ten un prazo máximo de tramitación de 12 semanas.
Torres asume o mando único
O Consello de Ministros tamén acordou, como estaba previsto, declarar a "situación de interese para a seguridade nacional" en Ceuta co que o ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres, asumirá o mando único da xestión da crise a través dun órgano que coordinará a once ministerios coa cidade autónoma.
O Goberno adoptou esta decisión nunha reunión celebrada despois da celebración dun Consello de Seguridade Nacional presidido polo xefe do Executivo, Pedro Sánchez, no Palacio da Moncloa.
A ministra portavoz, Elma Saiz, subliñou na conferencia de prensa posteiror, que Ceuta "é hoxe o corazón de España" e recalcou que unha "situación extraordinaria" como a que atravesa require "unha resposta extraordinaria" como a acordada polo Executivo.
A asunción do mando único por Torres, engadiu, é unha medida que busca que todas as administracións traballen "de xeito coordinado e eficaz" para facer fronte á crise, e de feito implica os once ministerios xunto á Delegación do Gobierno na cidade autónoma e o Executivo ceutí presidido por Juan Jesús Vivas.
Prioridade a devolución de "maiores e menores" migrantes
Ángel Víctor Torres afirmou que a prioridade é a "devolución e a repatriación da maior cantidade de persoas, maiores e menores", chegadas de forma irregular á cidade, respectando o ordenamento xurídico.
Torres lembrou a necesidade de respectar o dereito superior do menor, que fixa unha serie de condicións especiais neses casos, e, xunto ás devolucións, defendeu tamén a necesidade de traballar na resposta humanitaria para acoller os menores non acompañados e quen solicite asilo e por impulsar a recuperación económica e social da cidade autónoma.
Segundo apuntou, o Consello de Ministros aprobou un real decreto que se publicará este mércores en que se habilitan distintos recursos e espazos tanto de titularidade do Goberno como de Ceuta para acoller os migrantes, un catálogo que será "flexible e actualizable" para que poida recuperarse a normalidade que se vivía na cidade a principios de xullo.
Tamén se aprobou a transferencia de 25 millóns de euros a Ceuta para atender os menores migrantes, cantidade que anunciara xa o Ministerio de Infancia e Mocidade.
De acordo coas cifras facilitadas por Torres, máis de 70.000 persoas entraron de forma irregular desde Marrocos e entre 24 e 48 horas despois regresaron a ese país entre o 90 e o 95 %, o que supoñería que aínda permanecen en Ceuta entre 7.000 e 3.500 persoas.