O novo curso escolar comezará con menos alumnos e máis profesores
Mantense a tendencia e o próximo curso Galicia perde 4.617 alumnos
A Xunta reduce as ratios en todas as etapas educativas, pero especialmente en infantil, que non pasará dos 20 alumnos por aula
Haberá 900 mestres máis en secundaria
Conta atrás para o reencontro. Mochilas nos ombreiros, pasos acelerados cara á entrada e tamén algo de nervios. Galicia enteira prepárase para recuperar o pulso das mañás escolares. O timbre tocará para todos o vindeiro 9 de setembro. O curso 26-27 arranca coas mesmas aulas e con case 300.000 alumnos, 4.617 menos co ano pasado.
En concreto, Primaria perde 2.600 alumnos e sitúase en 121.491; Infantil baixa en 981, ata 46.678; a ESO perde 854 e queda en 95.503 e Bacharelato cae por primeira vez en 229 alumnos, de xeito que rexistra un total de 33.474 estudantes.
Menos alumnos no conxunto e tamén menos alumnos por aula. Vaise notar sobre todo en Infantil onde haberá un máximo de 20 alumnos por aula. Baixa a ratio de alumnos, pero subirán os profesores. Acádase unha cifra récord. O cadro de persoal aumenta en 900 en secundaria, aínda que están por pechar as incorporacións que se produzan en setembro.
Un reforzo que irá acompañado dunha blindaxe do seu papel nas aulas. A Xunta reforzará a autoridade do profesorado coa posta en marcha dunha nova oficina de apoio ao docente. Xiro na xestión que coincide cunha fonda reorganización nos centros plurilingües.
Tras o choque institucional e a multa do Ministerio de Traballo, a Consellería, ultima xa un programa propio de auxiliares de conversa que presentará en breve para blindar o modelo. Chegarán as aulas a comezos do segundo trimestre.
Queda por definir como vai ser o curso na FP, porque a matrícula aínda non se pechou. Pero todo apunta a que vai repetir cifras semellantes ás do curso pasado. Medra, e moito, a modalidade de Formación Profesional acelerada.