A demanda da zamburiña da ría de Ferrol non deixa de medrar
A última campaña deixou poucas capturas, pero constatou o inicio da rexeneración do molusco
Hai apenas unha década eran contados os barcos que ían á zamburiña na ría de Ferrol, pero nos últimos anos a demanda deste molusco aumentou de forma exponencial e xa non é unha rareza atopalo na carta dos restaurantes.
A última campaña deixou menos capturas das previstas, pero confirmou o inicio da rexeneración da zamburiña en Ferrolterra, tras a alta mortaldade que provocaron as chuvias de 2023 e a baixa salinidade do mar.
"Nótase que hai cría para as próximas campañas e que está medrando. O ano que vén será máis abundante. Esta campaña é o inicio nese proceso de recuperacións".
O volume de capturas foi inferior ao agardado inicialmente e, por suposto, moito menor que a demanda deste marisco, que desde hai uns anos gaña protagonismo nas cociñas dos restaurantes.
"Temos que valorar o noso. É un produto con moito sabor a mar, parece que lle estás dando unha mordida ao mar, e iso hai que valoralo moito", asegura María Silvar, que leva anos cociñando as zamburiñas no seu restaurante de Ferrol.
Pagou algo máis de corenta euros por un quilo de zamburiñas, unha cifra impensable hai apenas unha década, cando este molusco era practicamente irrelevante na actividade pesqueira.
"Eu levo aquí doce anos. Cando empecei as campañas eran esporádicas e o máximo que daban os clientes era tres euros e medio o quilo", lembra David.
A próxima campaña de zamburiñas agárdase para maio do ano que vén. Preparadas á prancha xa son unha delicia, pero en Ferrol convídannos a probar a súa propia receita, a tradicional, con sofrito e patacas fritas.