Molestias e perdas económicas en Camariñas ao non dispoñer de fibra óptica e teléfono fixo
Algúns pequenos empresarios levan doce días sen poder traballar con normalidade
Tamén hai particulares moi afectados
Hostaleiros e comerciantes de Camariñas adscritos á compañía R levan 12 días sen poder traballar con normalidade.
"Temos que volver a anotar todo en papel...". "Non podemos cobrar con tarxeta nin tramitar reservas", explican os hostaleiros prexudicados.
Pero hai particulares que tamén se ven moi afectados.
"Eu teño un enfermo na casa e teño que ter Internet para poder vixialo a través das cámaras, se non teño que estar indo cada cinco minutos por se necesita calquera cousa".
Levan así desde o pasado 28 de abril, o día do apagamento masivo. Daquela cortouse a subministración e, polo momento, non saben cando volverán á normalidade.
"Eu aínda chamei hoxe e din que están traballando, pero aquí non se ve ninguén". "É máis: mandaron unha mensaxe dicindo que xa estaba arranxado. E non é certo". "Estamos pensando xa en cambiar de compañía...".
Din que aínda é pronto para avaliar as perdas, pero son conscientes de que, nalgúns casos, han ser elevadas.