A Comisión Europea insiste en restrinxir ou excluír a Huawei das redes 5G
Di que a compañía chinesa representa un risco moito maior que outros provedores

A Comisión Europea insistiu en que os países da Unión Europea deben restrinxir ou excluír a Huawei das súas redes 5G porque a compañía chinesa representa un risco moito maior que outros provedores.
"A falta dunha acción rápida expón a Unión Europea no seu conxunto a un risco claro", dixo a EFE o portavoz de Soberanía Tecnolóxica da Comisión Europea, Thomas Regnier, preguntado polo acordo que España asinou con Huawei para a subministración de servizos de escoitas telefónicas.
Regnier lembrou que o Executivo comunitario pediu xa en 2019 aos Estados membros que tomasen medidas concretas para avaliar os riscos que o desenvolvemento da rede 5G podía causar á ciberseguridade, nun documento no que advertía xa contra Huawei.
Neste sentido, Bruxelas urxe os Estados membros a executaren esas recomendacións.
Os directores dos comités de intelixencia do Senado e da Cámara de Representantes dos Estados Unidos, Tom Cotton e Rick Crawford, respectivamente, solicitaron a semana pasada ao Goberno de Donald Trump que revise os acordos de intercambio de intelixencia con España por mor do contrato que ten con Huawei.
Os lexisladores sinalaron que o Ministerio do Interior de España supostamente adxudicou contratos por valor de 12,3 millóns de euros a Huawei para proporcionar servidores e servizos de consultoría para os sistemas de interceptación telefónica de España e subliñaron que a compañía ten estreitos vínculos co Partido Comunista Chinés (PCCh).