Rouban por valor de 4.000 euros nunha tenda de telefonía da Estrada
Os asaltantes eran tres e ían encapuchados
Roubaron tres teléfonos móbiles, cun valor de 4.000 euros
Tres teléfonos móbiles foron o bote que levaron os tres encapuchados que asaltaron unha tenda de telefonía da rúa Justo Martínez na Estrada. Os feitos producíronse sobre as 3:20 horas e os obxectos roubados están valorados nuns 4.000 euros.
Quixeron levar un bote maior e trataron de arrancar algúns móbiles máis dos expositores, pero non foron quen de logralo.
Para entrar á tenda, romperon o cristal empregando unha tapa de sumidoiro situada a poucos metros do comercio. O ruído espertou varios veciños da zona, que saíron ás ventás e chamaron o 112. Ademais, comezaron a berrar para amedrentar os ladróns. Estes, ao escoitar os berros, fuxiron cara á rúa San Antón, onde colleron un coche e abandonaron o lugar dos feitos.
As cámaras de seguridade captaron o roubo e os vídeos xa están en mans das autoridades competentes.