Dous detidos en Lugo por roubar en furgonetas de traballo, cunha vintena de afectados
Os ladróns buscan cousas de valor, pero tamén levan a ferramenta e causan numerosos estragos nos vehículos
Hai dezaoito casos denunciados, a investigación segue aberta
Actúan a plena luz do día e en poucos minutos. Nalgunhas empresas asaltáronlles a frota completa.
"Aparcamos para facer unha visita a un cliente, en cuestión de dez quince minutos cando volvemos xa vimos o vidro roto e que levaran a carteira e o tabaco, pero non foron pola ferramenta", di José Luis Arias, propietario dunha empresa de reformas.
Hai dezaoito casos denunciados, pero os roubos son máis. Un mesmo taller arranxou xa os vidros de 23 vehículos, 19 son o mesmo modelo. Repítese o modo de actuar: entran polo cristal pequeno do copiloto.
"Rómpenlles o vidro fixo dianteiro dereito, ten o peche moi cerca e entran moi rápido, logo danlle o botón para abrir a caixa de atrás", explica Marcos Juanes, dono dun taller de cambio de vidros.
No taller de Marcos ante a avalancha de reparacións que lles chegan, tiveron que facer máis abastecemento de vidros para que os afectados, a maioría autónomos, non teñan que interromper o seu traballo e poidan atender os seus clientes.
"A xente ten medo, estabamos cambiando o vidro da furgoneta dunha empresa e chamou outro compañeiro de que lle acaba de pasar o mesmo, non saben onde deixar a furgoneta, é complicado", asegura Marcos Juanes.
Os afectados senten rabia e indefensión porque, aínda que toman precaucións, non lles serve de nada.
"Claro que andas con máis coidado, pero rouban a calquera hora e non vas quedar pegado á furgoneta", di José Luis Arias, dono dunha empresa de reformas.
Nas últimas horas detiveron dúas persoas por estes feitos, e están pendentes de pasar á disposición xudicial.