Publicador de contidos

Publicador de contidos

Desartellan un grupo especializado en furtos en centros comerciais do sur de Pontevedra

Desartellan un grupo especializado en furtos en centros comerciais do sur de Pontevedra

Catro persoas foron detidas e dúas investigadas, por 11 delitos de furto, condución temeraria e ameazas

O grupo tamén actuaba en establecementos do norte de Portugal

G24.gal 03/11/2025 12:59

A Garda Civil desartellou un grupo organizado dedicado a perpetrar furtos en centros comerciais do sur da provincia de Pontevedra e de norte de Portugal, nun operativo bautizado como Bispo 1, no que foron detidas catro persoas e outras dúas están investigadas.

Segundo informou a Comandancia de Pontevedra, os implicados tiñan no punto de mira as áreas empresariais e comerciais da contorna de Vigo, e alternaban os seus lugares de residencia entre a cidade olívica e o municipio fronteirizo de Tui, co fin de facilitar os seus desprazamentos e evitar ser localizados.

As investigacións foron levadas a cabo por axentes do posto de Baiona-Nigrán e levaron á identificación de seis persoas, catro delas foron detidas e outras dúas investigadas, en total, dous homes e catro mulleres.

Este grupo delituoso, que non dubidaba en actuar con violencia (nun dos episodios máis graves chegaron a atropelar un vixilante do centro comercial As Nasas de Nigrán), desprazábase aos centros comerciais máis concorridos do sur da provincia e do norte de Portugal, utilizando vehículos de renting, que cambiaban periodicamente.

Os homes eran os encargados de conducir e permanecían á espera no exterior dos centros comerciais, mentres que as mulleres entraban nos establecementos para subtraer roupa, comida ou pequenos electrodomésticos, aproveitando a afluencia de clientes, que complicaba a vixilancia do persoal de seguridade. Se eran descubertas, enfrontábanse aos empregados, con empuxóns e ameazas.

As pescudas policiais, incluíndo a análise das imaxes gravadas por cámaras de seguridade e as vixilancias discretas realizadas pola Garda Civil, permitiron identificar os membros deste grupo.

Así, os axentes puideron tamén localizar as vivendas ocupadas polos delincuentes e os vehículos que empregaban, ademais de confirmar a conexión entre distintos furtos.

Segundo informaron desde a Comandancia, os investigadores comprobaron que o grupo actuaba de forma reiterada e planificada, movéndose entre España e Portugal, o que esixiu unha continua coordinación con outras unidades policiais e cos propios establecementos afectados polos furtos.

Grazas a ese traballo conxunto puidéronse esclarecer 11 delitos de furto, e púidose constatar que varios implicados tiñan ordes xudiciais de investigación de domicilio ditadas por distintos xulgados de Vigo e Santiago. Ademais, a un deles impútaselle un delito contra a seguridade de tráfico e condución temeraria, e a outro un delito de ameazas.

As dilixencias practicadas foron remitidas ao xulgado de instrución 4 de Vigo, aínda que a operación policial continúa aberta e non se descartan novas actuacións ou conexión con outros casos similares.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade