Publicador de contidos

Publicador de contidos

Adiada por estar hospitalizado a declaración do mozo que acoitelou a seu pai en Ribeira

Adiada por estar hospitalizado a declaración do mozo que acoitelou a seu pai en Ribeira

A previsión é que non poida declarar nas 72 horas de marxe legal, polo que se acordou a súa posta en liberade

O hospital terá que informar da evolución do seu estado de saúde

O xulgado recibiu o atestado inicial e  incóanse dilixencias por un delito de homicidio en grao de tentativa

TVG TVG
G24.gal 03/11/2025 10:28 Última actualización 03/11/2025 15:35

O mozo detido esta fin de semana por agredir supostamente a seu pai cunha arma branca en Ribeira non declarará finalmente este luns ao estar internado, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A idea inicial era que pasase nesta xornada a disposición do xuíz do Tribunal de Instancia de Ribeira número 1, pero o alto tribunal galego indicou que finalmente non será así por esta situación.

O xulgado recibiu o atestado inicial e incoáronse dilixencias por un delito de homicidio en grao de tentativa, sinalou a mesma fonte. Á vista do estado médico do investigado, do que non se dan detalles máis aló de que a previsión é que non poida prestar declaración nas 72 horas de marxe legal, acordouse a súa posta en liberdade.

Ofíciase, en consecuencia, tanto ao hospital no que se atopa como ao Instituto de Medicina Legal de Galicia para que informe o xulgado sobre a súa evolución. O hospital, en concreto, debe notificar calquera cambio no seu estado, sobre todo cando pode ser previsible que reciba a alta.

Os feitos ocorreron este sábado sobre as 14:00 horas, no núcleo de Vixán, na parroquia de Carreira, cando, no marco dunha discusión que se iniciou no interior da vivenda, o mozo presuntamente atacou o seu proxenitor cunha arma branca en plena rúa.

O pai foi evacuado con vida ao Hospital do Barbanza e, a continuación, foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) en estado crítico, onde permanece ingresado.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade