Os presuntos ladróns de dúas cafeterías do centro da Coruña están pendentes de xuízo
Rebentan as cristaleiras de dous locais, logran roubar nun e, ao pouco, son detidos
Rebentaron cunha tapa da rede de sumidoiros a porta acristalada desta cafetería do centro da Coruña. Pasaban poucos minutos das doce e media da noite do mércores ao xoves. Un dos ladróns agardaba na rúa vixiando, mentres o outro se dispuña, sen éxito, a entrar no local. E é que, tras o forte impacto, saltou a alarma e activou unha bomba que encheu de fume toda a cafetería. Daquela, os delincuentes fuxiron cara a outro negocio do paseo das Pontes, onde actuaron do mesmo xeito.
"Romperon a cristaleira e polo burato un entrou e saíu polo mesmo sitio", explica Aurora Recarey, propietaria de Le Bistro.
Xa no interior, o ladrón foi directo a un caixón onde cría que había cartos.
"Era un caixón onde meto as moedas estranxeiras que me dan por equivocación. E, por non tiralas, métoas aí. O peor foron os danos materiais", engade a dona do local.
Con todo, os dous delincuentes non chegaron moi lonxe. A escasos metros foron prendidos pola Policía Nacional.
"Estaban aí, no parque, esposados. A Policía xa os viña seguindo desde o outro local no que tamén rebentaron a porta. E onte xa puxen a denuncia", conclúe Recarey.
E agora están pendentes de xuízo.
 
         
                
                
				   
             
    
         
                 
    
         
    
         
    
         
            
                 
            
                 
            
                