e-soundway, a nova app galega para aprender a pronunciar o inglés
Deseñada cun método constrastivo, ten en conta as fortalezas e debilidades coa fonética inglesa dos alumnos que teñen o galego como lingua materna
A app avalía a nosa percepción, pronuncia a transcrición da lingua inglesa
As maiores eivas que temos os galegos á hora de falar inglés teñen que ver coa pronuncia. E a superar esa dificultade diríxese directamente unha nova aplicación interactiva, feita a medias entre as universidades de Santiago e de Vigo. Un equipo de expertos deseñou o xogo que nos ensina a pronunciar, a medida que avanzamos etapas do Camiño de Santiago.
"Usamos un método de corte contrastivo, baseado nas dificultades específicas que teñen coa fonética os alumnos que teñen o galego ou o castelán como lingua materna", explica Ángeles Gómez, catedrática de Filoloxía Inglesa da USC e IP do proxecto.
Alfonso Lago, vicerreitor de Titulacións da UVigo, foi o Investigador principal do proxecto no referido ao desenvolvemento tecnolóxico. Hoxe presentaron a app, á que se accede desde o QR do libro 'Los sonidos del inglés en el Camiño de Santiago (e-Sounway)', dispoñible nos lugares que indica o Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo.
Está pensada para estudantes universitarios e de bacharelato, pero xa está próxima a publicarse outra app para alumnos máis novos.