Roubaron un tractor e na súa fuxida tiveron un accidente contra un cruceiro en Rois
O roubo de maquinaria de obra preocupa en concellos do rural coma o de Rois. Hai uns días os ladróns tiveron un accidente na súa fuxida cun tractor.
Esta mesma noite unha brigada municipal recuperaba nun monte apartado un segundo tractor tamén roubado
Roubaron un tractor e na fuxida levaron por diante un dos elementos patrimoniais máis significativo do concello de Rois que estaba neste lugar. Trátase do cruceiro de capela da Santiña de Seira.
"Chamoume a veciña, que me dixo que estaba a santiña tirada no chan e o que fixen foi chamar ao Concello para que viñesen". "Esa mesma noite viñeron roubar unha máquina, un tractor dos que está limpando o río Sar e de noite fixeron das súas". "Romperon con isto e o tractor apareceu a uns metros de aquí", conta Charo.
O Concello encargou a restauración da peza, moi venerada pola veciñanza, a un escultor local.
"Esta vén sendo a Piedade que estaba no interior da capela do cruceiro de Seira. É a peza máis antiga, pese o accidente mantense intacta. Os danos principais están nas pezas que forman a capela e quedou desmontada da base", explica José Conde.
Unha lenda popular conta que a santiña de Seira xa fora roubada noutra ocasión e daquela os ladróns saíron algo mal parados.
"A lenda conta que a quixeron roubar e ata que a devolveron ao sitio atacounos un enxame de abellas", di o escultor.
Esta máquina que está a reparar nun taller próximo tamén foi roubada e unha brigada municipal atopábaa esta noite nun monte. Lograron localizala porque dispuña dun xeolocalizador.