Evacúan un ancián tras incendiarse a cheminea da súa casa en Guitiriz
O ancián estaba encamado e foi sacado a tempo da casa en cadeira de rodas
Ao parecer a cheminea prendeu por falta de mantemento
O fillo do ancián que rescataron en Guitiriz acababa de saír da casa para ir ao centro da vila. Marchou aproveitando que xa viñera a coidadora de seu pai. Esa foi a sorte, a muller logrou sacar o ancián a tempo da casa.
"Ao velo fume sacárono ao momento", explica José Romeu, fillo do ancián que rescataron do incendio da súa casa.
O pai de José ten case cen anos e está encamado, de aí os apuros que viviron ao ver o fume. Levárono para a casa duns veciños mentres os bombeiros traballaban no interior da vivenda.
"El está ben", di José.
O lume prendeu na cheminea que ao parecer había tempo que non limpaban.
"Supoño que estaba algo sucia, pero non o sei", asegura José Romeu.
Ao lugar desprazáronse numerosos efectivos: bombeiros, o GES, Protección Civil, Policía Local e Garda Civil.
"Viñeron tres camións de bombeiros", comenta José.
Unha vez que apagaron o lume, arrefriaron a casa e contan volver a ela nas próximas horas.