O outono é un bo momento para coller un libro
As librerías venden por igual tanto nos meses fríos coma nos cálidos
Chegou o frío e para moitos é tempo de recollérmonos. De facelo, por que non cun bo libro? Preguntámonos se lemos máis no inverno ou no verán. A xente na rúa contesta case por partes iguais tanto no inverno como no verán. Hai quen le máis no verán porque ten máis tempo e hainos que len máis no inverno porque ao non acompañar o tempo saen menos. Sexa como for, preguntamos tamén nas librarías por se se vende máis nunhas estacións ou noutras.
Pablo Couceiro, da Libraría Couceiro, di que "non é tanto que se venda máis nunha estación ou noutra como que se venden libros diferentes". Engade que "no verán son libros máis de evaporarse e no inverno é unha literatura máis interna".
A venda de libro, en todo caso, atravesa por un bo momento e semella que xa non lle mete medo o libro electrónico. Os libros, din en Couceiro, "son un ben necesario e accesible". Para todos os petos, sábeno ben nas librarías de segunda man.
Marta Fojo, da libraría Follas Vellas di que a venda aquí tamén vai ben e que teñen de todo, desde clásicos, bestsellers e actualidade, normalmente á metade de prezo.