Abre as súas portas a Feira do Libro de Lugo
Haberá medio cento de actividades ata o Día das Letras, con sinaturas de exemplares, faladoiros, contacontos ou obras teatrais
Un total de 16 postos de librerías de todo o país concorren na Feira do Libro de Lugo, que celebra 40 anos de historia. O encargado de inaugurala foi o escritor lucense Lois Pérez, que no seu pregón chamou a lle dar apoio á literatura galega.
"As feiras do libro deben supoñer un empurrón para que as nenas e os nenos, a mocidade, lean e aprendan a nosa lingua e poidamos saír desta situación que nos preocupa a todas e a todos", salienta o pregoeiro.
Non foi o único autor presente na feira. Entre os que asinan exemplares das súas obras encóntrase o escritor de Friol Francisco Narla.
"Sempre hai que andar cos libreiros. É un pracer estar con eles. Eu estarei varios días firmando, en todas as feiras de Galiza, e vou alternando para darlles cariño a todos os libreiros", sinala o novelista.
Ademais de libros, na feira tamén se van presentar cómics. É o caso da última novela gráfica de Miguel Fernández, sobre a Vía Künig.
"O bo das presentacións dos cómics, en comparación coas novelas, é que normalmente está o debuxante, que che fai, á parte dunha sinatura, un pequeno debuxo adicado e personalizado", explica Carlos Vigo, da Librería Tótem.
Entre sinaturas e presentacións das obras, faladoiros, contacontos ou recitais, a feira acolle medio cento de actividades para todos os públicos, con libros para todas as idades.
"Estamos bastante especializados en libro infantil. Gústanos, sobre todo, que teñan algo pedagóxico", subliña Carlos Castro, da librería Mar de Letras.
"Axudan as actividades que se fan, coma as presentacións. É unha feira que atrae bastante xente", indica Rosa Suárez, da Librería Trama.
A feira permanecerá aberta ata o domingo, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Begoña Caamaño.