Traballar baixo o peso da calor: o granito eleva as temperaturas nas canteiras por riba dos 40 graos
Traballar baixo o peso da calor: o granito eleva as temperaturas nas canteiras por riba dos 40 graos
O sector da pedra é unha das actividades máis expostas ao sol porque a maior parte do tempo hai que estar ao aire libre
O mineral actúa como un espello e no interior da explotación as máximas adoitan ser superiores ás que se perciben no ambiente
Aquí a calor pesa como unha pedra. A máxima prevista para este luns en Salceda de Caselas é de 34 graos. O venres chegaron aos 41. Pero na canteira do Faro, na parroquia de Entenza, a temperatura é aínda máis alta. O granito, pola súa composición, actúa como un espello e reflicte a luz e a calor ao interior da explotación, onde pode haber adoito catro ou cinco graos máis. E este é un traballo de sol asegurado. A maior parte dos labores teñen que facerse ao aire libre. A primeira hora pode haber algo de sombra ao pé da parede de 70 metros que recorta o monte pero logo o día esmaga con toneladas de sol.
"Sobre todo a partir das doce da mañá, cando notas máis calor, pode ser un pouco abafante pero intentas levalo o mellor posible, bebendo auga. Faise duro pero lévase", relata José Aníbal Besada, traballador de Lemmar Granite na canteira do Faro.
Hai anos que a canteira adaptou o horario ao sol. Empezan a traballar ás 7:45 e rematan ás 16:00. Así aproveitan as horas de máis luz no inverno e evitan as tardes tórridas no verán.
"Para intentar non estar expostos a maior cantidade de horas ao sol, sobre todo en xullo, que é o mes máis complicado, porque en agosto paramos por vacacións", explica o encargado da canteira, o enxeñeiro Borja Pérez.
Cada día o equipo toma un descanso de media hora ás once da mañá. A maioría van ás casetas para comer algo á sombra. Hoxe todos volven cargados con botellas de auga.
"Ás veces dous litros non chegan, non chegan a nada", asegura Aníbal Besada.
Algúns traballan a cuberto, como os encargados de picar a pedra. Pero a cambio o po que se xenera complícalles respirar. Non poderían recibir aire fresco de non ser polos aparellos de respiración que levan ao lombo.
"Este equipo ten unha bomba detrás e envíanos aire por este tubo. É como se fose aire acondicionado", describe Diori José Rodríguez mentres amosa o sistema que usa na súa tarefa.
A canteira conta cun sistema de rego deseñado para sacar do aire o po que se levanta ao paso das máquinas. Pero no verán tamén se usa para refrescar o ambiente. E os vehículos pesados tamén teñen aire acondicionado.