Xornada crítica para atallar o incendio que obrigou a desaloxar 500 persoas en Castelló
Temperaturas de máis de 40 graos e ventos de 40 km/h. dificultan os labores de extinción
O Seprona investiga a orixe do incendio que presupoñen que non se debeu a causas naturais
Mantense a vixilancia nas zonas queimadas de Navarra, Huesca, Xirona e Asturias por se a calor reaviva o lume
Douscentos efectivos locais e autonómicos co reforzo da Unidade Militar de Emerxencias traballaron toda a noite para combater o lume que asola desde a primeira hora da tarde deste domingo a serra do Espadán, en Castelló, un dos grandes parques naturais da Comunidade Valenciana. As condicións favorables da noite cambiaban a partir da media mañá cunha suba das temperaturas que se agarda que hoxe superen aquí os 40 graos, por iso está previsto que se manteña o desaloxo das cincocentas persoas evacuadas ese domingo na localidade de Azuébar.
"De momento non se vai poder volver ao municipio. Entramos nesta onda de calor e ademais imos ter rachas de vento que poden chegar ao 40 quilómetros por hora".
A delegada do Goberno, que estivo canda o presidente da Generalitat no centro de coordinación do incendio, confirmou que o Seprona está investigando a orixe do lume.
"Desde logo non parece que sexan causas naturais polo tanto imos seguir investigando".
Os incendios de Navarra, Huesca e Xirona danse por estabilizados, pero seguen baixo vixilancia por se os reaviva a onda de calor. Igual ca nos Picos de Europa, en Asturias, onde o lume vai perdendo intensidade pero aínda se mantén o confinamiento preventivo dalgunhas poboacións.