Rescatan un octoxenario que quedou atrancado co coche nunha pasarela peonil de Catoira
O home estaba desorientado e, tras varias horas baixo o sol, adentrouse un quilómetro pola pasarela de madeira das Torres do Oeste
Na senda peonil de Catoira non saen do seu asombro. A poucos metros de onde hai uns días varou un barco turístico, o que quedou atrancado agora foi un coche.
"O camiño para chegar aquí é unha pista de terra estreita, hai que pasar entre eucaliptos, e logo meterse nesta pasarela de madeira que é para pasear a xente na marisma, é un acceso moi difícil", explica Alberto Castro, responsable de Protección Civil de Catoira.
Foi o propio condutor o que chamou o 112 despois de quedar cunha roda fóra da pasarela a esta altura da marisma, na zona das Telleiras. Antes percorrera un quilómetro pola estrutura de madeira.
"Tiña que vir moi desorientado ou moi despistado para meterse así".
"Era un home de Meis de 80 anos, estaba moi desorientado. Atendérono no Hospital do Salnés. Explicounos que quería percorrer os camiños, ver a zona".
O octoxenario foi rescatado despois de pasar varias horas baixo o sol con temperaturas moi altas. O vehículo quedou no paseo, e quitalo non será doado.
"Vai ser moi difícil. Por esta pasarela non pode entrar un guindastre nin un tractor, podería ceder co peso. Eu penso que hai que usar varios gatos para subilo á plataforma de novo e que regrese marcha atrás".
Agárdase que nas próximas horas se proceda á retirada do coche e que a zona, de gran valor paisaxístico, recupere a tranquilidade que a caracteriza.