Milleiros de visitantes asisten a última Rapa das Bestas deste ano en Sabucedo
É unha Festa de Interese Turístico Internacional que visitan centos de fotógrafos e etnógrafos procedentes de distintas partes do mundo
Douscentos cabalos foron rapados e saneados
A tradición remóntase ao século XVI
Na mañá neste luns celebrouse o último curro deste ano en Sabucedo.
Pecha unha nova edición da tradicional e senlleira Rapa das Bestas. Trátase unha festa de Interese Turístico Internacional que coloca a Galicia no punto de mira de centos de fotógrafos e etnógrafos procedentes de distintas partes do mundo. Unha tradición que, segundo a lenda, ten orixe varios séculos atrás.
A orixe da rapa está no séxulo XVI
Din que foi no século XVI cando dúas mulleres ofreceron as bestas a San Lourenzo para que as protexera das pestes.
Desas dúas bestas que o párroco ceibou no monte orixinaríase a famosísima grea do santo de Sabucedo.
Cada primeira fin de semana de xullo báixanse as bestas do monte para rapalas e sanealas. Un espectáculo que cada ano atrae milleiros de visitantes a esta vila de 32 veciños. Desta vez viñeron máis cedo porque houbo que adaptar os horarios pola vaga de calor.
"Encántame este espectáculo. Veño desde hai moitísimos anos".
"Vimos desde Barcelona. É a primeira vez. Díxonos a nai dun amigo noso, que é de Arzúa, que tiñamos que vir a velo polo menos unha vez na vida".
A tradición pasa dunhas xeracións a outras
Ao curro entraron este luns 200 bestas, que foron rapadas e saneadas polos aloitadores.
Sabedoría ancestral e tradición que pasa dunhas xeracións a outras.
"Cando o primeiro aloitador sobe enriba pois vai dirixindo á besta pouco a pouco ata reducila".
"Son aloitadora, non levo moito tempo, pero a rapa levo vindo todos os anos. Foi algo que sempre me gustou un montón, morría por isto".
"Primeiro hai que aprender como controlar moi ben os cabalos. Nunca poñerse detrás e tamén tes que ter moita forza para collelos".
E detrás da festa está o traballo que non se ve, o que fan os veciños de Sabucedo o resto do ano para manter as mandas no monte.
"Nós sempre dicimos que é a culminación dun proceso no que levamos todo o ano traballando. Aquí acaba o ano para nós", asegura Paulo Vicente Monteagudo, presidente da Asociación da Rapa das Bestas de Sabucedo.
A grea do santo ten unhas 450 bestas, que marchan ceibas e saneadas ata dentro de 362 días.