Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Museo Sargadelos, a Rapa de Sabucedo e o pazo de Lourizán, declarados Ben de Interese Cultural

O Museo Sargadelos, a Rapa de Sabucedo e o pazo de Lourizán, declarados Ben de Interese Cultural

A declacaración como BIC está publicada no Boletín Oficial do Estado

G24.gal 26/09/2025 18:39

O Boletín Oficial do Estado publicou este venres a declaración como Ben de Interese Cultural do Museo de Arte Contemporánea Sargadelos-Carlos Maside, en Sada; a Rapa das Bestas de Sabucedo e, por último, do pazo de Lourizán, en Pontevedra.

No primeiro caso, trátase do Museo Galego de Arte Contemporánea Sargadelos-Carlos Maside, en Sada, así como da Colección Sargadelos-Carlos Maside. Tal e como se recolle no BOE, o edificio do museo "supón un fito na arquitectura contemporánea española" e achega "un relevante valor arquitectónico para a historia de Galicia".

En concreto, detalla que o edificio resultou do encargo expreso dos intelectuais galeguistas Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo. En concreto, o obxectivo era promocionar e difundir a obra dun grupo de artistas marcados polo exilio, como Carlos Maside, do que tomaría o seu nome. A colección artística reúne pezas de artistas como Luís Seoane, Castelao, Reimundo Patiño, Díaz Pardo ou Urbano Lugrís.

O edificio do museo, que comezou a proxectarse en 1974, foi inaugurado o 18 de maio de 1978, aínda que non se concluiría o seu espazo definitivo ata 1982. O proxecto inicial contaba con tres salas de exposición para as obras de arte galega contemporánea, pero aos poucos meses ampliouse.
 

Neste contexto, tamén se publicou este venres no BOE a declaración como Ben de Interese Cultural da Rapa das Bestas de Sabucedo, "a manifestación inmaterial máis clara que existe en Galicia da relación ancestral entre os cabalos e os seres humanos", como se reflicte tamén en gravados rupestres preto de Sabucedo.

En concreto, incidiu en que a celebración de Sabucedo permitiu que esta especie silvestre, "fundamental para a conservación dos ecosistemas de media montaña en Galicia", sobrevivise ao longo dos séculos.

"A Rapa das Bestas de Sabucedo ten un valor cultural singular ao tratarse dunha manifestación inmaterial que mantén o respecto pola tradición e polos rituais, que foron e son transmitidos de xeración en xeración, polo menos durante o últimos tres séculos", recolle o BOE.

Por último, tamén se declara Ben de Interese Cultural o pazo de Lourizán, en Pontevedra, un edificio do que destacan os seus "singulares valores arquitectónicos", así como outros elementos significativos como os xardíns. O conxunto formado constitúe varias construcións auxiliares, hórreo, pombal, lavadoiro, fontes, antiga fábrica de augardentes e xeo, muíño ou invernadoiro. 

Cabe lembrar que este pazo foi propiedade da familia Montenegro polo menos desde finais do século XV, alí construíuse unha casa torre fortificada, onde en 1609 Luís de Góngora pasou unha tempada e escribiu unha parte de 'Soidades'.

Durante o século XVIII e primeiras décadas do XIX existen documentos que vinculan a propiedade ao marqués da Sierra, ao marqués de Castelar, Francisco Genaro Ángel, Atanasio Pulgar e Pedro Pulgar do Castaño.

Finalmente, foron os herdeiros deste último os que a alugaron, o 26 de agosto de 1876, a Eugenio Montero Ríos que, posteriormente, adquiriuna e gozouna ata a súa morte o 12 de maio de 1914.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade