Sargadelos compra Burelarte para ampliar a súa capacidade produtiva
Sargadelos agarda poder manter a marca Burelarte e integrar a maioría do seu persoal
Fábrica de Sargadelos (Arquivo TVG)
O Grupo Sargadelos comprou a totalidade dos bens inmobles, maquinaria e fondo de comercio da empresa Burelarte, operación da que non transcendeu o importe.
De tal forma, as naves industriais (máis de 3.000 metros cadrados construídos) e os terreos adxacentes (máis de 4.000 metros cadrados) "serán dedicados á ampliación e mellora da capacidade produtiva das diversas empresas que compoñen o grupo empresarial".
Segundo informa nun comunicado, Sargadelos tamén integrará no seu sistema produtivo "a maioría do actual persoal" de Burelarte.
Engade Sargadelos que procurará "manter viva, se a autoridade laboral e a burocracia o permite, a marca Burelarte pola súa renomeado bo facer no ámbito do gres porcelánico".