Os traballadores entran na fábrica de Sargadelos para reiniciar a produción
O portavoz de Industria de Comisións Obreiras na Mariña José Antonio Zan afirmou que os traballadores accederon ao seu posto de traballo, e, en canto á situación da empresa, afirmou: "Nada cambia e o circo segue igual”
Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG Lugo-A Mariña, Lois Neto, espera que esta crise non peche en falso
Todos os traballadores e traballadoras de Sargadelos da área de Produción accederon á primeira hora desta mañá, no seu horario habitual, aos seus respectivos postos na fábrica de Cervo, tal e como anunciara nas últimas horas o propietario da empresa Segismundo García. Confirmouno pasadas as sete da mañá, en declaracións aos medios de comunicación, o portavoz de Industria de Comisións Obreiras na Mariña José Antonio Zan.
En todo caso mostrouse escéptico con respecto a esta solución: "Descoñecemos que acordo houbo entre a Xunta de Galicia e Segismundo. Polo que vemos, nin o CEO deixou de ser CEO, nin a Xunta o puxo no seu sitio”, precisou. “Tampouco sabemos canto tardará a próxima rabecha. Do mesmo xeito que sucedeu en abril, é outra patada ao balón cara a adiante e non sabemos se a próxima rabecha virá con algo máis, se por fin este señor venderá e se irá á súa casa e se subrogará a todos os traballadores para que teñan un Nadal e unha vida laboral normal, como todo o mundo”, engadiu o responsable sindical. Aínda que os traballadores accederon ao seu posto de traballo, en canto á situación da empresa, afirmou: “Nada cambia e o circo segue igual”.
Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG Lugo-A Mariña, Lois Neto, espera que esta crise non peche en falso. “Tanto polo valor industrial como polo valor cultural de todo o legado vinculado á fábrica de Sargadelos”, sostén, "a Xunta de Galicia debe buscar unha viabilidade para a empresa a longo prazo, algo que baixo a dirección deste señor non é posible”.
Segundo Lois Neto: "O propietario de Sargadelos está a actuar continuamente con chantaxes, incumprindo a normativa laboral e utilizando os traballadores como moeda de cambio, este modelo non é viable a longo prazo”. En canto á reapertura das instalacións, recalcou: “Entendemos que debe ser así. É cumprir coa súa obrigación, porque estaba nun peche patronal absolutamente ilegal”.