Publicador de contidos

Publicador de contidos

O dono de Sargadelos di que retomará a actividade na planta de Cervo este mércores

O dono de Sargadelos di que retomará a actividade na planta de Cervo este mércores

Segismundo García di que reabrirá a fábrica "se non xorden inconvenientes", aínda que avanza que será sen realizar as reformas que lle requiriu a Inspección de Traballo, e advertindo que tampouco están nos seus plans acometelas

Os sindicatos piden "non pechar en falso" a crise e a Xunta celebra a reapertura e espera unha "volta á normalidade" tamén nas funcións executivas

Segismundo García, este venres á súa saída da fábrica (Europa Press/Carlos Castro) Segismundo García, este venres á súa saída da fábrica (Europa Press/Carlos Castro)
G24.gal 02/12/2025 10:45 Última actualización 02/12/2025 13:15

O propietario de Sargadelos, Segismundo García, anuncia que renovará a actividade na planta de Cervo este mércores, "se non xorden inconvenientes".

En calquera caso, nun comunicado remitido aos medios, apunta que isto será así "aínda que a empresa siga pendente de cubrir a praza de director executivo".

O anuncio da reapertura prodúcese un día despois de que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lanzara unha advertencia á dirección de Sargadelos, e cinco días despois da decisión do propio Segismundo García de volver parar a produción, tras unha nova visita de Inspección de Traballo relativa a deficiencias en materia de seguridade laboral.

O dono da histórica firma de cerámica, que optou tamén por dimitir das súas funcións executivas, lembra que "a propiedade dunha empresa é do seu dono (ou dos seus accionistas)", aínda que avanza que retomará a actividade, aínda que coas reformas que lle require Inspección "sen facer" e sen entrar nos seus "plans" acometelas "a curto prazo".

"Desmedido poder"

"A autoridade laboral, os políticos e os sindicalistas é certo que nestes tempos de cambio e confusión ('tempos líquidos'), exercen un desmedido poder", opina. E advirte de que "eles non arriscan nin o seu patrimonio nin a súa saúde na xestión". 

Explica que paralizou a actividade produtiva "ante a situación de alarma causada pola inconcibible actuación da Inspección" e para "garantir a seguridade dos traballadores".

Nun comunicado, Segismundo García destaca que "se agora a Xunta insta a continuar a actividade, alguén mente ou esaxera" e avisa de que "as últimas declaracións ameazantes do señor presidente da Xunta non contribúen a pacificar a situación".

A Rueda anímalle "a que por delegación ou persoalmente se decida a executar as súas severas admonicións", que ve "máis propias dun 'liberado sindical'".

Dos sindicatos "nada" ten que dicir "salvo" criticar "o seu pésimo desempeño da actividade empresarial cando a exerceron" e reitera, como en anteriores ocasións, a súa satisfacción por que Sargadelos careza de representación sindical desde hai anos (despois da súa chegada como administrador único): "Librámonos de tal secuela", asevera.

"Se o empresariado asumise a súa xestión con responsabilidade, bo criterio e afán competitivo moitas das ocorrencias e necidades que impoñen as autoridades (incluídos os sindicatos) carecerían de oco no mundo laboral", afirma.

Considera que "é boa pauta empresarial non aferrarse en exceso nin á propiedade nin ao diñeiro" e conclúe que, "entre tanto, haberá que ir 'tirando'". 

Os sindicatos piden "non pechar en falso" a crise

Os representantes dos traballadores, tras o anuncio do propietario, pídenlle á Xunta de Galicia que non se peche “en falso” este novo episodio nunha empresa histórica e cun importante legado cultural.

“Parece que a situación se pode resolver mañá coa volta á actividade” na fábrica de Cervo, dixo a EFE o secretario comarcal da CIG en Lugo-A Mariña, Lois Neto, quen en todo caso opina que sería unha forma “de pechar en falso esta crise unha vez máis”.

Sostén que a Xunta de Galicia “debe buscar unha viabilidade para a empresa a longo prazo”. Algo que, segundo o seu criterio, “baixo a dirección deste señor non é posible”.

Segundo Lois Neto, o propietario de Sargadelos “está a actuar continuamente con chantaxes, incumprindo a normativa laboral e utilizando aos traballadores como moeda de cambio”, polo que sostén que “este modelo non é viable a longo prazo”.

“Hai traballo dabondo para facer. Non é un problema de produción. É un capricho. É necesario que se retome a produción e que se proceda ao pago das nóminas á maior celeridade”, insistiu.

Desde o seu punto de vista, “está a castigar aos traballadores por unha serie de problemas, pero o persoal non ten nada que ver con eles”.

A Xunta celebra a reapertura e espera unha "volta á normalidade" tamén nas funcións executivas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Emprego, José González, celebran que a fábrica vaia volver á actividade.

Rueda limitouse a celebrar o anuncio de "que se retoma a actividade" e remitiu á "faceta" da Xunta como autoridade laboral, á que aludiu este luns para pedir a Segismundo García que retomase a actividade na Mariña.

González alegrouse "polos traballadores e pola empresa" e engadiu que espera "que se produza unha completa volta á normalidade tamén no que se refire ás funcións executivas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade