300 cabalos agrupados no monte listos para os curros da Rapa de Sabucedo
Voluntarios e membros da asociación pasaron o día buscando os animais no monte
A organización cambiou a hora dos curros polo aviso de altas temperaturas
O curro do sábado, ás oito da tarde; o do domingo e o luns, ás once da mañá
A manda de cabalos de Sabucedo xa está agrupada no peche do Castelo. Membros da Asociación da Rapa das Bestas e ducias de voluntarios madrugaron para ir buscar as bestas. "Quedamos ás sete e ás oito xa estábaos no monte", di Adrián Brea.
A cultura cabalar transmítese en Sabucedo de xeración en xeración. "Son días axitados, moi cansados... pero todo moi ben. Eu levo 40 anos correndo detrás das bestas... e penso seguir", di un veciño.
A cultura cabalar transmítese en Sabucedo de xeración en xeración
300 cabalos para os curros
As bestas pasan o inverno nos montes dos concellos veciños: Moraña, Cuntis, Cerdedo, Campolameiro... Nas últimas semanas rastrexáronse 45 quilómetros cadrados. Hoxe era o día de agrupar todos os cabalos. "Calculamos que hai entre 270 e 300. Agora estamos recontando e nuns minutos saberemos cantas baixan a Sabucedo", conta Adrián Brea.
Antes diso sacaranlles os localizadores ás bestas que os teñan. Despois, os aloitadores traslbadarán os cabalos ao curro para cortarlles as crinas.
Os cabalos agrupáronse no peche do Castelo
A calor modifica os horarios
A rapa deste ano vén condicionada polas altas temperaturas previstas para esta fin de semana. Paulo Vicente Monteagudo, presidente da Asociación Rapa das Bestas, di que o curro do sábado será ás oito da tarde e o do domingo e luns, ás once da mañá. O obxectivo é non coller as horas centrais de calor porque queren evitar que as bestas, os aloitadores e a xente do público estea incómoda.
A Rapa das Bestas ten séculos de historia detrás. Está declarada Festa de Interese Turístico Internacional e Ben de Interese Cultural.