Publicador de contidos

Publicador de contidos

O adianto das memorias do irmán de Lady Di volve sacudir a monarquía inglesa

O adianto das memorias do irmán de Lady Di volve sacudir a monarquía inglesa

O tabloide Daily Mail publicou varios fragmentos do libro que lle dedica á princesa e que se vai publicar o 22

Charles Spencer nunha entrevista. Jeff Overs/BBC vía REUTERS Charles Spencer nunha entrevista. Jeff Overs/BBC vía REUTERS
G24.gal 19/09/2026 11:56 Última actualización 19/09/2026 13:21

Apenas recuperada dos escándalos asociados ao expríncipe Andrés, xa desposuído de todos os seus títulos e pazos, a monarquía británica volve ser o albo de todas as miradas tras o adianto das memorias de Charles Spencer sobre a súa irmá, Diana de Gales.

Swan Song. Diana, my sister, dedicado á princesa falecida no 1997 aos 36 anos nun tráxico accidente en París, sairá á venda o martes 22 de setembro. Porén, o tabloide Daily Mail leva publicando extractos do libro todas as tardes dende o pasado mércores.

Dúas frases asociadas aos recordos de Spencer no mesmo día en que coñeceu a morte da súa irmá están a causar un especial rebumbio no Reino Unido. 

Nunha chamada telefónica co entón príncipe Carlos asegura que "soaba eufórico, coma se lle tivese tocado a lotería" coa nova e, segundo lembra, chegoulle a dicir: "Non te preocupes, pronto a esqueceremos".

A raíz destas palabras, o propio rei rompeu a consigna da monarquía británica "never complain, never explain" (nin explicacións nin queixas) e chamou elegantemente mentireiro ao autor a través dun portavoz.

"(Carlos III) é consciente que a dor do dó fraternal pode nublar a razón, afectar o xuízo e pode colorear a memoria de xeito que outros non recoñecen, mesmo anos despois dunha perda así", asegurou o voceiro.

Jeff Overs/BBC vía REUTERS Jeff Overs/BBC vía REUTERS

Agora todo queda nunha batalla de relatos que tentan determinar se esas foron as palabras do agora rei pero nin sequera os que compartiron con el aqueles momentos se poñen de acordo.

Dickier Arbiter, secretario de prensa da raíña Isabel durante a morte de Diana, cualificou de "bazofia" as palabras de Spencer porque "de ningún modo puido dicir iso" xa que Carlos "se atopaba devastado".

Ante a multitude de dúbidas, o mesmo autor saíu o venres a se defender na BBC. Reiterou que "esas foron exactamente as palabras que dixo" e asegurou que lle causaron tanta rabia que colgou o teléfono ao escoitalas.

Jeff Overs/BBC vía REUTERS Jeff Overs/BBC vía REUTERS

Ferintes comentarios sobre o peso

Pero hai máis pasaxes que deixan en mal lugar a Carlos III. Nunha delas, asegura que durante o noivado atormentaba a Diana pola súa figura e uns días despois de anunciarse o compromiso, agarrouna do peito e díxolle: "Vaia, parece que estamos un pouco recheíños por aquí".

Segundo Spencer, Diana tomaba eses comentarios tan en serio que se impuxo perder peso e entrou nunha destrutiva desorde alimenticia.

Noutro fragmento, afirma que na véspera da voda o agora rei declaroulle que estaba feliz de casar, pero que realmente non a amaba. Porén, estas verbas chegáronlle ao autor de "terceira man", a través dunha confidente da súa irmá.

En calquera caso, asegura que Diana era tan infeliz que acariñou en varias ocasións a idea do suicidio, e con tal fin viaxou "máis dunha vez" aos cantís de Beachy Head en East Sussex.

Carlos III en Escocia esta semana. Andrew Milligan/Pool vía REUTERS Carlos III en Escocia esta semana. Andrew Milligan/Pool vía REUTERS

Motivacións

Todo o que se vai coñecendo son recordos máis ou menos fieis do irmán de Diana que non deixa claras cales son as motivacións para escribir este libro e remover aquelas memorias.

Pena, rancor ou cobiza?, titulaba o venres un pódcast do Telegraph, dando por seguro que Penguin pagou unha suma de moitos ceros ao nobre inglés por este libro.

Os membros da realeza máis mencionados nas memorias tiveron ocasión de deixarse ver tras a marusía provocada polas palabras de Spencer.

Tanto Carlos III, o que sae máis maltreito, coma os seus fillos, o Guillerme e o díscolo Henrique, participaron esta semana en diversos actos públicos sen deixar ver que a memoria de Diana aínda enturba as súas vidas e apaixona á poboación británica.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade