Saen á luz textos inéditos e xornalísticos de Begoña Caamaño
Este mes chega ás librarías un volume con medio centenar de novos textos desta autora
'Non temos límites'. Begoña Caamaño
Baixo o título 'Non temos límites. Obra dispersa, 1990-2014' chega este mes ás librarías un volume con medio centenar de pezas de Begoña Caamaño, entre textos inéditos e xornalísticos, publicado pola editorial Alvarellos.
Esta obra está formada por máis de 300 páxinas en que se mostra unha Begoña Caamaño activista, a través de textos de non ficción, segundo un comunicado emitido pola propia editorial.
A selección dos textos recollidos neste libro foi encargada a tres amigas da escritora e xornalistas (Ana Romaní, María Xesús Nogueira e Carme Vidal). Nela poden lerse dende conferencias a guións radiofónicos, en que se observa o seu compromiso social, político e feminista.
Segundo sosteñen as responsables desta sección no prólogo, "a obra xustifícase polo valor intrínseco do material que reúne". Ademais explican que os escritos "mostran o coñecemento e a maneira de estar no mundo dunha autora que tomou posición nos debates do seu tempo". Desta forma, a obra pode lerse tanto como unha obra de consulta como un tipo de biografía intelectual e vital.
Elas tamén afirman que "a atractiva personalidade da escritora e xornalista" preséntase con forza nestas páxinas.