Os premios Follas Novas, a gala do libro galego que recoñece a escrita, o deseño a tradución e a edición
Os premios Follas Novas, a gala do libro galego que recoñece a escrita, o deseño a tradución e a edición
O premio de narrativa foi para Nerea Pallares, o de poesía para Andrea Nunes Brións e o de teatro para Cándido Pazó
O sector do libro reclamou maior visibilidade e apoio ante a perda de lectores en galego
Ás portas do día das Letras, o libro galego tivo hoxe a súa celebración no Teatro Principal de Santiago. 40 escritoras e escritores, profesionais da tradución, da ilustración e editoras foron seleccionadas para esta final na que se entregaron 13 galardóns.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega,a de Editoras e a Federación de Librarías que organizan o certame reclamaron maior visibilidade para o libro galego, que sendo un sector premiado e recoñecido, perde facturación pola falta de lectores na lingua propia.
Este ano os premiados de honra foron a Editorial Galaxia, polos seus 75 anos de traxectoria, a Libraría Moito Conto da Coruña e o escritor palestino Básim (Aldájib )Al-Kandaqji, encadeado 21 anos nunha prisión israelí onde escribiu a súa obra, e que non puido recoller o premio por problemas burocráticos que non lle aseguraban retornar a Exipto, onde reside.
Premio á obra de narrativa
Punto de araña. Nerea Pallares. Editoral Galaxia
"Esta sempre foi unha novela coral porque é a novela de todas as que falan por min. Así que vai por elas. Vai por todas as mulleres bravas que tecen as cousas no diario. Vai por cada unha das mulleres da miña familia, por cada unha das veces que calaron e limparon os anacos rotos cando alguén escachou diante delas os pratos contra o chan" a elas dedicoulles o premio a escritora Nerea Pallares
Premio ao libro de poesía
Mapa da estría. Andrea Nunes Brións. Chan da Pólvora
"Hai libros que nacen para explicar o mundo e outros que nacen porque o mundo nos rompe un pouco por dentro. Eu creo que o meu libro naceu así", recoñeceu Andrea Nunes Brións ao recoller o premio polo seu poemario
Premio ao libro de teatro
O proceso. Apaga o candil. Cándido Pazó. Editorial Galaxia
"Nós as xentes do teatro e do palco normalmente estamos preocupados porque se leven os espectáculos aos estrados e que estea o público, pero isto tamén hai que coidalo. Eu agradézolle ás editoriais que o fagan. Aproveito para reivindicalo e aplaudilo porque xa se está publicando máis teatro do que se publicou", asegurou Cándido Pazó
Premio á obra de ensaio e investigación
Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes. Alba Rodríguez Saavedra. Laiovento.
Premio á obra de divulgación
Contáronme un conto mal contado. Onde estaban as mulleres na historia? pr (Coord.) Editorial Galaxia
Premio á obra infantil
O Peculiar. Érica Esmorís. Cuarto de Inverno
Premio á obra xuvenil
Unha historia de amor como outra calquera. Rosa Aneiros. Editorial Galaxia
Premio ao libro ilustrado
A panadería. Lucía Belarte e David Lorenzo. Kalandraka
Premio ao libro de banda deseñada, gráfico e humor
Rosalía Oculta. Paula Mayor. Editorial Galaxia
Premio á iniciativa bibliográfica
Guia ilustrada do Entroido Galego. Alba de Evan, Xabier Domínguez, Iria Prol. Edicións Xerais
Premio á obra traducida
A máis recóndita memoria dos homes. Mohamed Mbougar Sarr (María Alonso Seisdedos). Aira
Premio ao libro mellor editado
A caligrafía das espigas. Carlos Negro. Apiario
Premio promoción da lectura
Club de lectura feminista A Lila + A Sega