Condenado un mariñeiro da Armada en Ferrol por acoso sexual e inxurias graves a tres compañeiras
Publicou as mensaxes inxuriantes nun grupo de WhatsApp con máis de cen membros
Imaxe de arquivo dunha xura de bandeira. Ministerio de Defensa
O Tribunal Militar Territorial Cuarto, con sede na Coruña, condenou un mariñeiro do Corpo Xeral da Armada como autor de tres delitos de acoso sexual, acoso por razón de sexo e inxurias graves, previstos e penados no artigo 50 do Código penal militar.
A sentenza, con data do 16 de xullo de 2026 e ditada por conformidade entre a Fiscalía Xurídico Militar, a defensa e o propio acusado, sen necesidade de celebración de vista oral, considera probado que o daquela mariñeiro alumno se incorporou o 4 de novembro de 2024 á Escola de Especialidades Antonio de Escaño, en Ferrol, xunto a outros compañeiros e compañeiras de formación.
Segundo o relato dos feitos probados, ao día seguinte da súa incorporación creouse un grupo de WhatsApp da brigada, ao que se foron engadindo os seus 114 integrantes, dos cales unhas 25 eran mulleres.
Inicialmente, o trato era "cordial e distendido", pero a partir do 16 de decembro de 2024, coincidindo co nomeamento do condenado como xefe de grupo, o ton comezou a tornarse "hostil por momentos", sendo habituais e recíprocas as faltas de consideración entre uns e outros.
Unha multa de 540 euros e indemnización de 300 euros para cada unha das tres agredidas
O tribunal declara probado que o 29 de novembro de 2024, ás 23.48 horas, o mariñeiro alumno se dirixiu publicamente por ese grupo a unha compañeira cunha frase de contido sexual explícito, o que provocou "reaccións de incredulidade nos seus compañeiros e de conmoción" na destinataria. Posteriormente pediu desculpas e borrou a mensaxe, aínda que a vítima realizou unha captura de pantalla.
A sentenza recolle outras manifestacións do condenado, como "só dades problemas as tías", "as mulleres só serven para fregar e cociñar, e non serven para estar nas Forzas Armadas" —pronunciada na fila do comedor e reiterada en formación e na clase—, ou expresións dirixidas a unha compañeira como "lesbiana de merda". Tamén constan comentarios sobre o aspecto físico de varias alumnas e mensaxes vexatorias no grupo telemático.
O tribunal subliña que estes comentarios se realizaron publicamente nun centro docente militar e chegaron a todos os membros do grupo. Ademais, cita xurisprudencia do Tribunal Supremo segundo a cal o artigo 50 do Código penal militar.
Na súa fundamentación, a Sala conclúe que a conduta do condenado "reviste indubidablemente a aptitude necesaria para denigrar, menosprezar e humillar as súas compañeiras no centro docente militar, rebaixando a súa consideración e estima persoal e profesional de forma grave".
A sentenza impón ao condenado unha pena total de nove meses de multa cunha cota diaria de dous euros —tres meses por cada un dos tres delitos— e fixa unha indemnización de 300 euros a cada unha das tres prexudicadas, 900 euros en total, polos danos morais padecidos. O condenado xa consignara esa cantidade ante o órgano xudicial o 8 de xullo de 2026.