Publicador de contidos

Publicador de contidos

O aviso por chuvia sobe a nivel laranxa no oeste e suroeste da Coruña

O aviso por chuvia sobe a nivel laranxa no oeste e suroeste da Coruña

A borrasca Claudia deixa refachos de máis de 100 km/h e ondas de máis de seis metros

(Imaxe: EFE/Kiko Delgado) (Vídeo: cámara web CSAG Muxía) (Imaxe: EFE/Kiko Delgado) (Vídeo: cámara web CSAG Muxía)
G24.gal 11/11/2025 09:57 Última actualización 11/11/2025 15:52

A Xunta de Galicia informou este martes de que eleva a nivel laranxa a alerta polas precipitacións esperadas a partir das 22:00 horas desta noite e durante toda a xornada do mércores en zonas do oeste e do suroeste da provincia da Coruña.

Desta maneira, a Comisión Escolar de Alertas decidiu tamén suspender durante toda a xornada de mañá, día 12 de novembro, todas as actividades nas zonas exteriores dos centros educativos destas zonas, aínda que algúns municipios xa o adiantaron a esta tarde.

Así mesmo, suspéndese toda a actividade deportiva federada e a do programa Xogade nos municipios afectados.

Os concellos nos que se establecen estas restricións son: no oeste da Coruña, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas; e, no suroeste, Boiro, Dodro, Lousame, Muros, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira e Rois.

Neles espérase choiva de ata oitenta litros por metro cadrado en menos dunha hora, polo que o Goberno galego incide na importancia de seguir as medidas de protección dispostas e de extremar as precaucións para garantir a seguridade de bens e persoas.

Primeiros efectos da borrasca Claudia

A borrasca Claudia deixou xa refachos de vento con máximas de 126,2 quilómetros por hora no municipio coruñés de Vimianzo.

Por encima de 100 quilómetros por hora tamén se rexistran ventos en Cedeira con 112 quilómetros por hora, Muras, 107 km/h e Viveiro 105 Km/h.

A máxima de choiva acumulada prodúcese en Ponte Caldelas, con 17 litros por metro cadrado.

Unha alerta amarela está activa este martes en gran parte de Galicia por vento e choiva forte. Tamén hai unha alerta laranxa no mar, con ondas de máis de 6 metros nas boias de Sisargas e cabo Silleiro na mañá deste 11 de novembro.

Con todo, as temperaturas son suaves, incluso calorosas, nesta xornada de alertas, con máximas de case 19 graos en Ribadeo, a primeira hora, e con varias vilas da fachada atlántica superando os 17 graos ao pouco do amencer.

Queda suspendida toda a actividade deportiva no mar, e as autoridades lembran a necesidade de actuar con precaución nos traballos marítimos e a importancia de manterse afastado da liña de costa.

Activo o plan de inundacións

Ademais está activado o plan Inungal, ante o risco de inundacións pola chuvia que aínda se espera.

Prevese que se poidan chegar a acumular ata 40 litros por metro cadrado en 12 horas. Por iso a Xunta activa o plan Inungal, o plan especial para o risco de inundacións, en fase de preemerxencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade