Publicador de contidos

Publicador de contidos

Desaparece a pedra furada do monte Ogas de Vimianzo

Desaparece a pedra furada do monte Ogas de Vimianzo

Semella que a rocha megalítica foi roubada coa axuda dun guindastre

Apatrigal fai un chamado colectivo para recuperar este "signo identitario"

G24.gal 29/10/2025 14:23

Sorpresa e indignación en Vimianzo pola desaparición da rocha furada, unha das míticas pedras do encanto do monte Ogas. O primeiro en botala en falta foi Pistón, do club de trial do Petouco. O pasado sábado, estaba sinalizando a zona para unha competición cando advertiu que alguén a levara.

"Pasei por aquí coa moto e vin algo raro, axiña caín, faltaba a pedra. Avisei inmediatamente organización e chamamos á alcaldesa", explica Manuel Pereira Tajes, Pistón, presidente honorífico do Club Petouco.

Descoñécese quen e para que roubou esta pedra megalítica de gran valor patrimonial. Antigamente o acceso á zona era difícil, pero a pista aberta para as obras de repotenciación do parque eólico fai sinxelo chegar en coche ata o lugar.

"A pedra pesa máis de mil quilos. Tal e como parece polas marcas deberon arrastrala pola herba e xa na pista deberon izala cun guindastre, pero todo desde a pista".

Situada a carón da pedra do Encanto, que un só home pode facer abalar, a pedra Furada é parte da identidade colectiva de Vimianzo. Por iso tanto os veciños como a asociación para a defensa do patrimonio Apatrigal piden que quen a levou, a devolva. 

"Se quen a levou ten conciencia que a deixe no sitio, que a devolva. Gústanos o monte e o queremos, non nos gusta que nos leven as cousas. Que veñan gozar do que temos, pero que non leven nada. Isto non é de ninguén, é de todos".

O Concello xa presentou un informe ante a Policía Local e valora se serán eles ou os comuneiros os que denuncien os feitos ante a Garda Civil. Di a tradición que baixo a rocha do Encanto unha moura agocha un tesouro, quizais ela teña a chave para esclarecer este misterioso roubo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade