Vaga de roubos en Ribeira, cun toxicómano como principal sospeitoso
Unha lavandería e máquinas expendedoras do centro sufriron os asaltos
O sospeitoso agrediu unha muller e rouboulle a carteira e o móbil
Os propietarios de varios establecementos autoservizo de Ribeira denuncian a vaga de roubos e estragos causados nas últimas semanas por un ladrón. Téñeno identificado polas cámaras de seguridade e xustamente onte foi detido de novo, desta volta por outro delito de roubo con violencia.
O presunto ladrón é un home moi coñecido en Ribeira. Toxicómano de entre 30 e 40 anos alcumado o Pulpo e que ata hai pouco residía no coñecido edificio ocupado das Abesadas, recentemente desaloxado.
No último mes a súa presenza nunha lavandería da praza de Ourense de Ribeira é constante. En canto os clientes deixan roupa na secadora, entra e leva o que lle peta. Os propietarios do establecemento están máis que fartos da situación.
Na zona lindeira das máquinas expendedoras a cousa non é diferente, o sospeitoso golpea con forza os dispositivos ata rompelos e deixalos inservibles.
Dáse a circunstancia de que onte mesmo a Policía Nacional detivo ese home por un roubo con violencia. Os feitos ocorreron o domingo cando se achegou por detrás a unha viandante e, presuntamente, golpeouna cunha pedra na cabeza, provocándolle un corte. Despois botou man ao bolso que portaba a muller e levoulle a carteira e o teléfono móbil.
Foi detido no peirao comercial de Ribeira e non son poucos os que agardan que por fin pase unha tempada privado de liberdade.