Publicador de contidos

Publicador de contidos

Deteñen sete persoas na zona de Corcubión por supostamente usar explosivos na pesca

Deteñen sete persoas na zona de Corcubión por supostamente usar explosivos na pesca

A Garda Civil investiga o posible uso de dinamita para capturar sardiña

G24.gal 28/10/2025 13:58 Última actualización 04/11/2025 15:11

O Grupo de Información da Comandancia da Garda Civil da Coruña e o Servizo Marítimo Provincial (SMP) desmantelaron un grupo dedicado á pesca marítima utilizando, supostamente, artefactos explosivos e detivo sete persoas como presuntas autoras dun delito contra a flora e a fauna e outro de tenza ilícita de explosivos.

A operación, denominada Encaixe e tutelada polo Xulgado de Instrución número 1 de Corcubión, iniciouse no mes de abril ante as sospeitas de que unha embarcación de pesca marítima profesional, con base en Corcubión, empregase métodos prohibidos para a súa actividade, con confirmación posterior deste extremo por parte da Garda Civil.

Os detidos almacenaban estes artefactos nun garaxe, trasladándoos posteriormente ao porto, ocultándoos de forma aleatoria en zonas próximas ao momento de atracada prevista da embarcación, o cal variaban periodicamente, tratando con iso de reducir ao mínimo o risco de interceptación.

Momentos antes de partir, un dos tripulantes subía a bordo os explosivos mentres os outros realizaban labores de contravixilancia. Esta manobra realizábana coa embarcación acesa e sen amarras para facilitar a fuxida inmediata ou a destrución de probas en caso de detectar a presenza policial.

No transcurso da investigación, os axentes observaron o lanzamento dos explosivos ao mar, realizando o rexistro e gravacións das detonacións submarinas a través de hidrófonos, grazas á colaboración da Universidade de Vigo.

Incidentes con mergulladores

Tamén se documentaron incidentes que afectaron a mergulladores deportivos que se atopaban desenvolvendo a súa actividade coa sinalización regulamentaria na enseada do Ézaro, relatando un dos mergulladores que unha explosión submarina xerou unha onda de presión que lle causou atordamento e angustia, escoitando novas explosións mentres nadaban cara á costa, identificando a embarcación investigada que se atopaba na zona nese momento.

Unha vez constatado o uso destes métodos prohibidos, a Garda Civil solicitou autorización para o rexistro da embarcación, do vehículo utilizado para o transporte dos explosivos e de tres inmobles localizados nos municipios de Camariñas, Cee e Vimianzo.

Durante os rexistros localizaron ocultos nun garaxe situado na localidade de Cee, ao que os detidos accedían frecuentemente adoptando exhaustivas medidas de seguridade para evitar ser detectados, 140 cartuchos finalizados, listos para o seu uso e 37 detonadores con mecha e outros 20 cartuchos no porto de Corcubión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade