Os "seniors dixitais" fan cada día máis xestións en Internet
En catro anos duplicáronse as persoas maiores de 74 anos que usan a rede global
Máis dun 50% dos maiores de 65 anos empregan as aplicacións móbiles para xestionar as súas citas médicas
Cada vez os maiores fan máis uso de Internet, sobre todo dende o teléfono móbil. Os coñecidos como seniors dixitais duplicáronse nos últimos catro anos: agora son máis de 67.000 os novos internautas galegos maiores de 74 anos. Ademais de consultar as redes sociais, nos últimos tempos realizan máis xestións relacionadas coa Administración e a saúde.
Comezaron co móbil como unha extensión portátil do teléfono fixo que moitas veces quedaba esquecido na casa, pero decontado os nosos maiores viron que Internet tamén estaba ao seu alcance, e descubriron as redes sociais.
"Chamo, poño WhatsApp, fago fotos e intento ler o xornal".
"Reviso o Facebook, o Instagram tamén e comunícome coa miña xente por WhatsApp".
As primeiras videochamadas achegáronos aos seus cando non podían visitarse. Hoxe case un 80% dos maiores fala coa familia mentres se ven.
"Teño unha neta traballando en Madrid e ás veces ás noites falamos. E si, gústache velos."
Convertéronse en fotógrafos da súa vida cotiá, e crearon grupos para compartir o que lles interesa.
"Aprendín a facer fotos, e tamén amaño as fotos. Se saco unha foto con roupa no tendal dime a neta que non poña a foto no Facebook porque se ve a roupa, e ensinoume a borralo.
"Temos un grupo de xente que compartimos os actos culturais que hai en Santiago e así estamos todos en contacto".
A dixitalización da Administración e da sanidade levounos a aprender a xestionar as súas citas médicas. As operación bancarias custan algo máis, pero non porque non poidan aprender, porque lles xeran desconfianza, igual ca as compras en liña. Só un 35% dos maiores de 65 anos usan estes recursos.
"Miro a aplicación do banco e os saldos e xa está. Non quero pagar co móbil nin facer transaccións".
"Eu non cheguei a tanto. Non quero, quero a cartilla e quero velo na man. Hai moitas cousas e enganan moito a xente".
O que máis valoran de Internet é a compañía a distancia que os mantén unidos aos seus.