A Fiscalía pide 4 anos de cárcere para o actor Nacho Vidal por homicidio imprudente
Acúsano da morte dun fotógrafo, ao que lle administrou veleno de sapo bufo para un ritual
Arquivo/A. Pérez Meca/Europa Press
A Fiscalía pide catro anos de prisión para o actor, director e produtor de cinema porno Ignacio Jordá, coñecido como Nacho Vidal, como responsable dun delito de homicidio imprudente que tería cometido no transcurso dun ritual con veleno do sapo bufo en xullo de 2019.
Ocorreu nunha vivenda que o actor ten en Enguera (Valencia), en presenza da súa curmá e dun amigo.
Tanto a Fiscalía como os irmáns da vítima aseguran que Vidal lle deu, para un ritual, veleno do sapo bufo, unha substancia ilícita de gran toxicidade.
No transcurso do ritual, en que participaron os tres acusados, o fotógrafo comezou a ter convulsións, cambaleouse e esborrallou de forma brusca contra o chan, segundo se pode ver nunha gravación de vídeo.
A acusación afirma que Vidal continuou o cerimonial, a pesar de que o protagonista seguía inconsciente, con tremor corporal e dificultade respiratoria, e sostén que non chamaron os servizos sanitarios ata transcorridos vinte minutos.
No escrito de acusación, o Ministerio Público pide para el catro anos de cadea dun delito de homicidio imprudente e reclama a mesma pena para unha curmá do actor pola demora en avisar ao 112. Solicita ademais que os dous procesados aboen 20.000 euros a cada un dos tres irmáns da vítima.