Publicador de contidos

Publicador de contidos

A xuíza da dina cita como testemuña a Susana Camarero o 10 de xuño

A xuíza da dina cita como testemuña a Susana Camarero o 10 de xuño

Será a primeira integrante do Goberno valenciano de Mazón en declarar nos tribnais

Camarero era vicepresidenta e ocupaba a Consellería de Servizos Sociais, Igualdade e Vivenda cando se produciu a riada

Jorge Gil/Europa Press Jorge Gil/Europa Press
G24.gal 29/04/2026 11:51

O xulgado de Catarroja (Valencia) que dirixe a investigación penal pola xestión da dina do 29 de outubro de 2024 citou a declarar como testemuña a vicepresidenta primeira do Goberno valenciano e conselleira de Vivenda, Emprego, Mocidade e Igualdade, Susana Camarero, para o próximo 10 de xuño.

Camarero ocupaba a Conselleria de Servizos Sociais, Igualdade e Vivenda cando se produciron as inundacións na provincia de Valencia e entón tamén era vicepresidenta do Goberno valenciano.

A letrada do xulgado sinalou para os días 29 de maio e 1, 3, 4 e 8 de xuño as declaracións doutras cinco testemuñas, traballadores da Confederación Hidrográfica do Xúcar, informou o Tribunal Superior de Xustiza da Comunitat Valenciana.

A declaración de Susana Camarero será a primeira que realice un membro do Goberno valenciano que configurou o entón president da Generalitat, Carlos Mazón, xa que ata a data unicamente compareceran altos cargos do segundo e terceiro chanzo da Generalitat, alén dalgúns asesores e persoal ao servizo do presidente como escoltas ou condutores.

Tamén se acordou a declaración, aínda sen data, da que entón era portavoz do Goberno valenciano, Ruth Merino.

Un cento de testemuñas, moitas delas pendentes de declarar

O Xulgado de Instrución 3 de Catarroja retoma o próximo 4 de maio as declaracións de testemuñas cunha nova citación do subdirector xeral de Emerxencias, Jorge Suárez, que comparecerá por terceira vez.

Fíxoo o 4 de decembro e o 17 dese mesmo mes, para aclarar algunhas das cuestións máis controvertidas respecto do proceso que se seguiu para a toma en consideración e redacción da mensaxe Es-Alert que se enviou aos móbiles na provincia de Valencia ás 20:11 horas do 29 de outubro de 2024.

Suárez foi interrogado especialmente polas correccións lingüísticas que se aplicaron á versión en valenciano ou as dúbidas da entón consellera de Xustiza e Interior, Salomé Pradas, sobre expresións que se valoraron para incluílas naquel aviso, como "permanezan nas súas casas".

Entre quen prestou xa declaración como testemuñas se atopa o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, o president da Generalitat, Juanfran Pérez Llorca -que compareceu antes de acceder ao cargo-, e varios secretarios autonómicos e directores xerais próximos ao núcleo de Presidencia.

Entre as comparecencias de testemuñas pendentes, máis dun centenar, atópase a de Carlos Mazón, que se atopa pendente da resolución dun recurso presentado polo expresidente, altos cargos de Infraestruturas ou Emerxencias, alcaldes de municipios afectados, axentes medioambientais, persoal da Confederación Hidrográfica do Xúcar ou bombeiros, entre outros. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade