As intensas choivas pola DINA cobran dúas vidas e causan grandes desfeitas en Ponferrada
Outras cinco persoas, dúas menores de idade, resultaron feridas
Decretáronse tres días de loito oficial
As intensas precipitacións pola DINA que atravesa a Península e as Baleares provocaron a morte de dúas mulleres tras unha riada en Manzanedo de Valdueza, León.
A DINA, sigla de depresión illada en niveis altos, prodúcese cando unha masa de aire frío en altura choca con aire moi cálido na superficie, como o que había na Península esta semana polas altas temperaturas que se estaban experimentado.
Este sábado o fenómeno alcanzou a súa máxima intensidade e descargou unha forte tromba de auga no Bierzo, que causou mesmo corrementos de terra nas localidades de Manzanedo de Valdueza, San Clemente e Bouzas.
O terrible episodio, coa auga arrasando rúas e todo o que atopaba ao seu paso, cobrou a vida dúas mulleres duns 60 anos. Outras cinco persoas resultaron feridas: dous homes de 60 e 70 anos, unha muller de 30 e dous menores de idade, unha bebé de 3 meses e un neno de 4 anos, catro deles atópanse no hospital do Bierzo, en Ponferrada.
Os afectados atopábanse nunha adega, que se encheu coa auga e o barro que arrastrou a riada en Manzanedo.
O alcalde de Ponferrada, Marco Morala, decretou tres días de loito oficial no municipio e convocou un minuto de silencio para mañá.
Durante unha visita a Manzanedo de Valdueza, o subdelegado do Goberno en León, Héctor Alaiz, confiou en que as administracións públicas involucradas dean unha resposta conxunta á situación xerada pola riada.
Os efectivos de Policía Nacional e os servizos de emerxencia continúan traballando na zona.
Pola súa banda, o presidente do Consello Comarcal do Bierzo, Olegario Ramón, recoñeceu que existe "gran preocupación" polo ocorrido e vinculouno aos graves incendios do ano pasado, que deixaron o territorio sen a vexetación necesaria para que a terra teña suxeición.