Dúas mulleres mortas e dous menores feridos tras unha riada preto de Ponferrada
Unha brutal tormenta descargou esta tarde sobre a zona e fixo que se desbordase o río Meruelo
Polo menos dúas mulleres mortass morreron e dous menores de idade están feridos como consecuencia dunha riada e un corremento de terra rexistrados este sábado nas localidades de Manzanedo de Valdueza e Bouzas, pertencentes ao municipio leonés de Ponferrada, informaron fontes da Subdelegación do Goberno e municipais.
Unha brutal tormenta descargou esta tarde sobre a zona e fixo que se desbordase o río Meruelo e provocase unha riada e un corremento de terra que chegaron a Manzanedo de Valdueza e Bouzas.
A forza da auga volveu a causar danos nas estradas da zona e quedou cortada a que comunica a localidade de Peñalba de Santiago, habitualmente afectada por desprendementos.
Varias chamadas avisaron da situación, polo que foron mobilizados os Bombeiros de Ponferrada, a Policía Nacional, a Policía Local de Ponferrada, o Centro Coordinador de Emerxencias da Junta de Castilla y León e o Grupo de Intervención Psicolóxica en Desastres e Emerxencias (Gripde).
O Centro Coordinador de Emerxencias da Axencia de Protección Civil e Emerxencias activou ademais o helicóptero de rescate, que se dirixe á zona para colaborar nos labores de procura e evacuación, onde xa se atopan tamén varias ambulancias e persoal médico procedente do Punto de Atención Continuada (PAC).
Os labores de intervención continúan na zona, onde os servizos de emerxencia manteñen despregado un amplo operativo para atender aos afectados e avaliar os danos ocasionados pola riada e o corremento de terras.