Publicador de contidos

Publicador de contidos

Aceptan nove meses de prisión dous dos acusados de golpear a Yoel Quispe

Aceptan nove meses de prisión dous dos acusados de golpear a Yoel Quispe

Acordaron suspender a condena durante dous anos a cambio de que aboen 1.500 euros á familia da vítima en concepto de responsabilidade civil

A nai esixe "xustiza", á espera de que se celebre o xuízo por asasinato en xuño 

G24.gal 28/04/2026 12:08

Dous dos acusados de golpear o mozo Yoel Quispe na Coruña na Noiteboa de 2023 aceptaron unha condena de nove meses de cárcere, con suspensión da mesma, no xuízo celebrado este martes no Penal número 3 da Coruña.

O rapaz, de 22 anos, faleceu horas despois tras ser golpeado e apuñalado nunha liorta rexistrada na confluencia das rúas Sinfónica de Galicia e Juan Flórez da Coruña ás 6:30 horas do 24 de decembro de 2023.

Tras un acordo de conformidade entre a Fiscalía, as acusacións particulares -exercidas polo pai e a nai da vítima-, e as defensas, os dous mozos aceptaron unha condena de nove meses de prisión por un delito de lesións, fronte á petición inicial dun ano do Ministerio Público, e o pago de 1.500 euros en concepto de responsabilidade civil.

Ademais, acordouse a suspensión da condena polo prazo de dous anos condicionado ao pago da citada responsabilidade civil e se non cometen un delito.

A nai esixe xustiza

Visiblemente emocionada, a nai de Yoel, Maritza Yovana, mostrou a súa desconformidade. "Asasinaron o meu fillo, desde o primeiro momento pedín xustiza; non foron tres, foron máis", insistiu nunhas declaracións aos medios de comunicación.

"É unha dor inmensa", expuxo entre bágoas, para avanzar que loitará ata o último momento "para que non quede impune a morte do seu fillo".

O seu letrado incidiu en que para esta parte "isto é un homicidio", motivo polo que non fixeron unha cualificación como lesións. "Estamos ante unha única unidade de acto", aseverou, para avanzar que exporán ante a Audiencia Provincial unha nulidade de actuacións.

Xuízo por asasinato en xuño

Mentres, do 1 ao 19 de xuño a Audiencia Provincial da Coruña acollerá outro xuízo con tres mozos no banco dos acusados.

Fronte á postura da Fiscalía, con petición de 14 anos de prisión por homicidio para o único mozo que está no cárcere e de sobresemento da causa para outros dous, a familia defendeu desde o inicio que os tres debían ser xulgados por asasinato.

En relación ao seu grao de implicación, consideran autor material do asasinato o mozo que está en prisión e cooperador necesario o que, segundo esta parte, "levaba a navalla e lla facilita" ao anterior, con implicación tamén dun terceiro.

Así o recolle tamén o auto que sitúa o presunto autor da puñalada mortal como autor de asasinato; o segundo, como cooperador necesario dun delito de asasinato e o terceiro, como encubridor deste mesmo delito, o que supón unha variación das penas, de ata 25 anos de prisión para os dous primeiros, segundo o letrado da familia, e de tres anos para o terceiro.

A postura das defensas no procedemento foi, mentres, reclamar o sobresemento. Finalmente, no auto, a titular do xulgado de instrución acordou decretar a apertura de xuízo oral, con Tribunal do Jurado, por asasinato, como expuña a familia, e non por homicidio, como solicitaba o Ministerio Público para un deles.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade