Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detidos dous sospeitosos polo roubo do Louvre cando un deles tentaba saír do país

Detidos dous sospeitosos polo roubo do Louvre cando un deles tentaba saír do país

Os arrestos producíronse este sábado e ambos os dous homes permanecen baixo custodia policial

Inspección dunha das fiestras do museo tras o roubo. REUTERS/Gonzalo Fuentes Inspección dunha das fiestras do museo tras o roubo. REUTERS/Gonzalo Fuentes
G24.gal 26/10/2025 10:13 Última actualización 26/10/2025 10:45

Dous homes foron detidos nas últimas horas como sospeitosos do roubo de xoias perpetrado no Louvre o 19 de outubro pasado, un deles cando tentaba abandonar o país polo aeroporto Roissy-Charles de Gaulle e o outro en Seine-Saint-Denis, nos arredores de París.

Os arrestos producíronse este sábado, segundo avanzaron a revista Paris Match e o diario Le Parisien, e os dous homes permanecen baixo custodia policial.

A primeira detención, no aeroporto, foi sobre as 22:00 horas cando o sospeitoso en cuestión trataba de abandonar Francia en dirección presuntamente a Alxeria.

Esa mesma noite rexistrouse a outra detención, da que se filtraron menos detalles. Da operación encargáronse a Brigada de Represión do Crime organizado de París (BRB) e a Oficina Central de Loita contra o Tráfico de Bens Culturais (OCBC).

Os dous foron trasladados ás instalacións da BRB na sede da policía xudicial parisiense (no distrito XVII da capital) e a súa detención provisional pode prolongarse ata 96 horas.

No radar da policía

Ambos os dous homes, duns 30 anos, estaban no radar da policía por antecedentes de roubos, segundo indicou Le Parisien, e supostamente formaban parte do comando de catro persoas que executou a subtracción das xoias. 

No marco da investigación do Louvre, acusaríaselles de delitos de roubo en banda organizada e asociación ilícita con fins delituosos.

As xoias roubadas hai unha semana están valoradas economicamente en 88 millóns de euros, aínda que o seu valor patrimonial é incalculable. Estaban expostas na denominada Galería de Apolo do museo máis visitado do mundo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade