Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detida unha parella por asaltos violentos en plena rúa en Lugo a persoas vulnerables

Detida unha parella por asaltos violentos en plena rúa en Lugo a persoas vulnerables

Actuaban en zonas con pouca luz e con escaso tránsito, nas que a muller exercía de gancho

Asaltaron con violencia unha vítima en evidente estado de embriaguez e outra cunha clara diversidade funcional 

Nas inmediacións do parque da Milagrosa asaltaron unha persoa con diversidade funcional
Félix Aragunde. Imaxe: Jose Lamas. 24/02/2026 10:06

Un home e unha muller foron detidos en Lugo por atracar de xeito violento varias persoas. Presuntamente, actuaban en zonas con pouca luz e con escaso tránsito, onde buscaban vítimas coas capacidades visiblemente minguadas. Nun dos casos, onda a praza da Liberdade, o afectado encontrábase nun evidente estado de embriaguez, mentres que noutro, nas inmediacións do parque da Milagrosa, tratábase dunha persoa cunha clara diversidade funcional.

"A muller facía de gancho. Dirixíase a estes homes, nun dos casos cunha diversidade funcional bastante clara e no outro caso coas capacidades diminuídas porque estaba bébedo, polo que era unha persoa vulnerable. Unha vez se achegaba a muller, o varón asaltábaos de maneira violenta e subtraíanlles a carteira", explica Lucía González, voceira da Comisaría Provincial de Lugo. 

Nun dos asaltos, supostamente subtráeronlle 800 euros á vítima. E en ambos os dous casos, os afectados precisaron asistencia sanitaria, posto que amosaban múltiples feridas por todo o corpo. 

"No caso do varón, esta persoa tiña coñecementos de deportes de contacto, polo que asaltaba as vítima de forma moi violenta, sabendo o que facía. As dúas vítimas presentaron bastantes feridas, polo que tiveron que ser asistidas polos servizos médicos", engade a portavoz policial. 

Os detidos, que xa tiñan antecedentes por diferentes feitos delituosos, foron postos a disposición da xustiza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade