Retómase a búsqueda do corpo de Enrique Bolívar coa axuda de cans e xeorradar
O vindeiro luns é o día previsto para que declare o investigado de novo
A Garda Civil retomou á primeira hora deste xoves a procura dos restos de Enrique Bolívar Díaz, o octoxenario de Abadín que desapareceu sen deixar rastro en setembro de 2023 no barrio de Fontepresa.
A procura, coa axuda de medios técnicos, como un xeorradar e a presenza de cans especializados na procura de cadáveres e restos óseos, estase a centrar na zona da parroquia de Quende, onde un dos seus veciños, Javier Montero, confesou que deixara o cadáver despois de atropelar a Enrique Bolívar mortalmente de forma accidental. Fontes da Garda Civil confirmaron que nos labores de procura apareceron varios restos óseos, que foron enviados ao Imelga para determinar a súa orixe.
A familia do ancián desaparecido segue moi pendente destes labores de procura, aínda que desconfía da versión dada polo autor confeso da morte de Enrique Bolívar.
A avogada da familia espera contar cunha orde de prisión provisional o vindeiro luns, día previsto que declare o investigado de novo ante a xuíza de Mondoñedo que está a levar o caso.
O home, que conta cun historial por consumo de substancias, está actualmente en prisión por un delito de roubo, condena que está a piques de finalizar, razón pola que a familia espera ter o luns a orde de prisión provisional e impedir desta forma que abandone o cárcere, xa que consideran que hai "risco de fuga".