O xulgado de Tui declárase incompetente para pedir á UCO investigar o caso Déborah
O Tribunal de Instancia de Tui considerou que non é competente para encargar á Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil a investigación do caso da morte de Déborah Fernández.
O xuíz de Instrución emitiu unha providencia en que explica que non é competente para atribuír a instrución do caso da desaparición e morte da moza viguesa no 2002 "a un ou outro corpo policial".
A Policía Nacional asumiu no seu día a investigación do denominado caso Déborah, polo que, nestes momentos, segundo consta na resolución, non é competencia do xuíz instrutor ordenar que a continúe outro corpo como a UCO da Garda Civil, tal e como demandaba a familia da vítima.
En todo caso, o xuíz "non se opón" á "eventual colaboración entre as distintas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado".
O procedemento foi arquivado xudicialmente en 2024, tras a súa reapertura en 2019, e a familia buscaba coa súa demanda unha nova vía para intentar resolver este caso de hai máis de dúas décadas.
Déborah Fernández-Cervera desapareceu o 30 de abril de 2002 cando saíu facer deporte na zona de Samil, en Vigo. Dez días despois, o 10 de maio de 2002, o seu cadáver foi atopado nunha cuneta no Rosal, espido entre uns matogueiras xunto á estrada.